Joselu o único representante galego na Selección Española; os 'Hugos', Bo e Álvarez, coa sub-21

O parón de seleccións deixa a tres xogadores de raíces galegas convocados con 'A Vermella': un coa absoluta; dous coa sub-21.


|

WhatsApp Image 2024 10 04 at 15.41.15
Hugo Álvarez estréase coa sub-21; Mingueza volve coa absoluta | Foto: RC Celta

 

Luís de la Fuente e Santi Denia levantaron o teléfono para chamar aos futbolistas que integrarán os cadros de persoal da selección absoluta e a sub-21 neste novo parón de seleccións. Despois da xornada deste fin de semana, unha nova pausa polos encontros internacionais levará a varios futbolistas a viaxar por distintos puntos da xeografía europea, entre eles os galegos Joselu, Hugo Bueno e Hugo Álvarez.

 

VETERANOS E NOVEIS

De todos eles, só o dianteiro foi citado polo primeiro equipo. O ariete de Silleda, que acaba de arrincar con moi bo pé a súa nova andaina no fútbol asiático (dous goles en liga e dúas na Champions de Asia en só nove partidos), non perdeu a confianza do seleccionador a pesar de que con 34 anos e no Ao-Gharafa o nivel pode parecer máis baixo ao exixible para render coa Vermella. En calquera caso, Joselu xa demostrou no anterior parón que queda moito fútbol que achegar a este equipo, anotando un dos catro goles na vitoria ante Suíza por 1-4. 

 

Imponse así a outros noves de moda, como Samu Omorodion, que tamén tivo un inicio fulgurante no O Porto, pero que foi chamado, nesta ocasión, polos inferiores. É de feito na sub-21 onde hai máis acento galego, tendo en conta que o desempeño de xogadores como Angeliño, Álvaro Carreras, Nico ou Comesaña pasou desapercibido para o seleccionador nacional -non ocorre o mesmo con Mingueza , que repite na convocatoria-. 

 

Si viu Santi Denia potencial en Hugo Bueno, ao que chama a pesar da inactividade despois dunha lesión que o tivo varias semanas apartado da disciplina do Feyenoord, onde chegou este verán cedido polo Wolverhampton. O seu bo facer no conxunto neerlandés, especialmente no seu debut en Champions ante o Xirona, devolvérono a unha sub-21 coa que debutou en setembro de 2023 ante Escocia.

 

WhatsApp Image 2024 10 04 at 15.43.07
Hugo Bueno ante o Xirona | Foto: Feyenoord

 

O que si se estrea neste apartado é Hugo Álvarez. O xogador do Celta atende por primeira vez a unha cita destas características despois de espertar moitas expectativas neste inicio de curso, sendo un fixo para Giráldez cun desempeño destacado no cadro celtiña. Agora busca un oco na selección e marca o ritmo desta camada de cachorros saídos da Madroa que poden dar moitas alegrías a nivel nacional.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE