Álvaro Lemos compartirá vestiario co seu compatriota David Costas no Real Oviedo
Os dous defensores galegos, exjugadores do Celta que encadearon cesións durante a súa etapa en Balaídos, volven coincidir, agora no Carlos Tartiere.
Aínda o mel nos beizos, no Real Oviedo prepáranse para unha nova tempada coa que, esta vez si que si, asaltar a Primeira División. Despois de caer na final dos playoff de ascenso os carbayones queren romper máis de dúas décadas lonxe da elite e, para iso, están a reforzarse con futbolistas experimentados tanto en Primeira como niso de ascender. Sábeo ben Álvaro Lemos, un futbolista que chega ao Carlos Tartiere co propósito de facerse dono do carril dereito.
Lemos abandona a UD As Palmas para ser a sexta fichaxe dos asturianos. O lateral santiagués, con experiencia no Deportivo da Coruña, CD Lugo ou Lens, compartirá vestiario con David Costas, un futbolista acosado polas lesións o pasado ano, que é xa un veterano neste Oviedo e co que coincidiu no Celta, cando empezou encadear cesións até recalar no cadro insular, onde pasou seis anos.
Agora, o vigués fará de mestre de cerimonia para o compostelán, que vén de rescindir cos amarelos despois de ter pouco protagonismo en Gran Canaria, con só catro partidos de liga no seu haber a pasada tempada.
Como Costas, unha lesión de nocello tívoo no dique seco boa parte da campaña, polo que agora busca resarcir en Segunda nun proxecto onde pode aspirar a todo e a regresar a unha Primeira que espera o regreso dos ovetenses.
Escribe o teu comentario