Pantalla xigante para ver a final da Champions League co Real Madrid en Lugo
Lugo Monumental, os hostaleiros que promoven a inciativa, lembran que poden exhibir este partido do equipo madrileño pero non outros como os de Breogán de Baloncensto porque a final europea retransmítese por RTVE.
Este sábado, os lucenses poderán gozar da final da Champions League entre o Real Madrid e o Dortmund a través dunha pantalla xigante de 6 x 3,5 metros, instalada na Praza de Santa María. A iniciativa foi coordinada pola Asociación Lugo Monumental.
A retransmisión do partido será en aberto pola Primeira cadea de Televisión Española, e as previsións meteorolóxicas indican bo tempo con baixa probabilidade de choiva, o que suxire unha alta afluencia de público ao evento.
A Asociación Lugo Monumental xestionou a instalación de pantallas xigantes noutras ocasións para encontros deportivos, aínda que só en eventos transmitidos en aberto por canles públicas foi posible levar a cabo estas propostas. As cadeas privadas, incluso as que emiten en aberto, adoitan restrinxir este tipo de actividades, o que impediu a retransmisión de partidos locais como os do CD Lugo ou o Breogán, alegan os hostaleiros. Recentemente, isto ocorreu no encontro entre o Breogán e o Obradoiro.
Ao ser Televisión Española unha cadea pública, non hai impedimentos para a instalación da pantalla, e espérase que esta acción atraia a numerosos espectadores ao centro histórico da cidade para gozar do evento.
A Asociación Lugo Monumental expresou o seu agradecemento aos locais que colaboraron para facer posible esta instalación, destacando que a maioría dos colaboradores son comercios sen un beneficio directo na actividade. Durante o encontro, publicitaranse estes locais como mostra de solidariedade e compromiso coa comunidade.
Así mesmo, a Asociación agradeceu á Tenencia de Alcaldesa e ao servizo e técnicos do negociado da Policía Local polo seu rápido traballo na xestión de autorizacións necesarias para a instalación da pantalla. Tamén se solicitou e confirmado a colaboración do Concello en forma de subministración eléctrica, reforzo de limpeza e colectores.
Escribe o teu comentario