Hugo Mallo nega haberlle tocado os peitos á periquita do Español pero irá a xuízo
O futbolista galego enfróntase a un xuízo oral acusado de abusos sexuais. A versión da parte acusadora é que o defensa lle meteu man por baixo do disfrace de mascota á figurante tras apertar as mans dos futbolistas do RCD Espanyol de Barcelona no saúdo protocolario antes dun partido de Liga en 2019. O deportista, a través do seu representante, desménteo de plano.
O axente de Hugo Mallo, Quique De Lucas, rexeitou de maneira contundente as acusacións de suposto abuso sexual en torno ao exjugador do Celta. Este mércores, De Lucas emitiu un comunicado en resposta ás recentes informacións publicadas polo diario 'As', que suxerían a reapertura do caso para un xuízo o 11 de xullo.
Así mesmo, destacou que tanto o RC Celta como o RCD Espanyol, tras activar os seus respectivos protocolos e analizar a información recibida, concluíron que non existían probas das denuncias.
Quique De Lucas subliñou que nin a Real Federación Española de Fútbol nin LaLiga iniciaron ningún expediente en relación ao caso. "Solicitamos deixar que a Xustiza actúe, así como o máximo respecto para Hugo e a súa familia, á espera de que a verdade saia á luz", concluíu o representante.
No comunicado, De Lucas declarou: "Negamos categoricamente os feitos denunciados, o cal foi evidenciado ante o Xulgado que levou a cabo a investigación. Esiximos un absoluto respecto á presunción de inocencia". O axente insistiu en que o xulgado orixinal decidiu arquivar o caso despois de tomar declaración á denunciante, ao futbolista e de valorar outras probas, dado que "non consideraba probados os feitos".
De Lucas agregou que a resolución foi obxecto de recurso por ambas as partes, a denunciante e eles mesmos, debido a desacordos sobre a veracidade dos feitos. A Audiencia Provincial ordenou a reapertura do expediente para ser resolto nun xuízo oral, no cal, segundo o axente, Mallo comparecerá mantendo a súa inocencia.
Escribe o teu comentario