Sorteo de Copa: o Celta de Benítez medirase á Real Sociedade de Alguacil por un pase a semis
Os celestes, que veñen de eliminar á Valencia nun sensacional partido en Mestalla, enfrontaranse aos donostiarras, que chegan á cita sen Kubo.
Cos oitavos de final finiquitados, esta mañá celebrouse na Cidade do Fútbol de Las Rozas o sorteo dos cuartos de final da Copa do Rei. A repartición de partidos deixou duelos tan interesantes como o Athletic de Bilbao vs FC Barcelona, os dous equipos con máis cordóns, ou o Atlético de Madrid vs Sevilla, un enfrontamento entre dous equipos que poderían salvar a tempada coa copa. No entanto, por un oco nas semifinais tamén batallarán Xirona e Mallorca, que tratarán de dar a badalada, e o Celta de Vigo e a Real Sociedade, dous equipos que medirán as súas forzas en Balaídos a próxima semana.
Os de Rafa Benítez veñen de selar un gran encontro en Copa eliminando á Valencia en Mestalla por 1-3. Os celestes demostraron aspectos que lles veñen faltando todo este curso: contundencia nas áreas e determinación para manexar o partido co marcador a favor.
Co billete a cuartos os vigueses logran sanar parcialmente as penas nunha tempada errática que os ten pelexando pola permanencia pero onde manteñen vivo o soño dunha final no torneo do K.O., un sistema de competición onde Rafa Benítez é todo un estratego.
A REAL, SEMPRE UN MAL NEGOCIO
No entanto, os galegos non o terán fácil. En fronte unha sempre perigosa Real Sociedade que celebrou en 2021 o título conquistado na edición máis longa da historia da Copa do Rei -aprazada a final de 2020 á primavera de 2021 pola crise do Cóvid-.
Os realistas xa saben o que é xogar as castañas neste tipo de partidos, pero chegan á cita mermados e nun mal momento de fútbol. Ao 2-1 de San Mames na pasada xornada déronlle carpetazo eliminando o mércores a Osasuna, os subcampións da edición anterior, cun 0-2 no Sadar.
Cun fútbol vistoso, aos de Imanol Alguacil fáltalles a súa estrela, Take Kubo, que se atopa disputando a Copa Asia con Xapón , e un futbolista fundamental na zaga como Traoré, tamén ausente ao formar parte da convocatoria de Mali para a Copa África. O que si estará é Brais Méndez, que asume todos os galóns nun equipo txuri urdin que ten no ex do Celta, en Meiriño , en Zubimendi e en Oyarzabal ás súas maiores ameazas.
Escribe o teu comentario