Equivocouse o Celta fichando a Rafa Benítez?

A traxectoria do adestrador en Vigo deixa moito que desexar e algunhas voces xa o sinalan como responsable da mala serie do equipo. Sen solucións no banco e cunha metodoloxía afastada do que estaba afeito na Premier, a continuidade do madrileño queda en dúbida. 


|

Benu00edtez rafa
Rafa Benítez | Foto: EP

 

Unha nova derrota, e xa van cinco no que vai de liga. O Celta de Vigo, que onte caeu por 2-1 en Gran Canaria, parece abonado á traxedia neste ano do centenario celeste. Prometía ser unha tempada de cambio e a planificación da dirección deportiva así o albiscaba no verán. A contratación dun técnico contrastado e de renome como Rafa Benítez provocou non poucas cellas arqueadas entre a parroquia celtiña, que entendeu a chegada do expreparador de Liverpool, Real Madrid, Inter ou Chelsea como un salto de calidade con respecto a anos anteriores, pero coa sospeita de si era o home que facía falta nun banco tan volátil como o de Vigo. Os primeiros oito duelos parecen confirmar estes temores e, visto o perigoso rumbo que tomou o Celta, que marcha terceiro pola cola, algunhas voces empezan a sinalar a Benítez como o responsable deste mal arranque.

 

SÓ UNHA CUESTIÓN ARBITRAL?

Os tres puntos que se escaparon nas Palmas en cuestión de 15 minutos teñen moitos porqués. Benítez disparou en rolda de prensa contra os árbitros, que tiveron unha noite negra anulando dous goles, un a cada equipo, que ben poderían subir ao marcador en calquera outra circunstancia. "Tes que estar a remar ao contraxeito sempre. Como non imos perder si metemos un gol legal e quítannolo?", preguntábase o adiestrador celeste. 

 

Con todo, a análise do afeccionado é outro: un equipo feble, como a tempada pasa, fráxil atrás a pesar do cinco traseiros e descompensado en ataque, moi dependente das individualidades que este ano xa non se lle poden esixir a un Iago Aspas afeito a vestir de superheroe pero ao que con 36 anos pésalle a capa un pouco máis cada día. 

 

Tampouco acerta o adestrador nos cambios, que non melloran a un equipo que cae co paso dos minutos e que este ano xa perdeu demasiados puntos na recta final do encontro (en Barcelona pasou do 0-2 ao 3-2 en oito minutos, en Gran Canaria chegou ao minuto 83 gañando, Muriqi marcou o gol da vitoria para o Mallorca en Balaídos no minuto 85, Bellingham fixo o propio para o Madrid no 81...).

 

No verán tratouse de reforzar todas as liñas, pero, unha vez máis, algunhas fichaxes resultan unha incógnita. A gran aposta, Bamba, aínda non é o xogador decisivo que espera o corpo técnico: só unha asistencia e ningún gol no que vai de campionato. O grego Douvikas, que si demostrou facilidade para ver porta, aínda está en período de adaptación e onte foi titular por primeira vez. Falta calidade no centro do campo tras a marcha de Gabri Veiga e en defensa, a pesar dos cambios de sistema de Benítez, non hai ninguén que ofreza o seu máximo nivel, nin sequera un valor seguro como era Aidoo, que no verán tiña a cabeza noutro sitio. 

 

HIPOTECADOS POR BENÍTEZ

Así as cousas, algúns empezan a cuestionar si Benítez, máis que o remedio, non será a enfermidade dun Celta que ten nesta campaña 23/24 o seu peor arranque en preto de tres décadas. O curso pasado Coudet aguantou no seu posto até a Xornada 12 antes de dar paso a Carvalhal . Para entón, o seu balance era de tres vitorias, dous empates e sete derrotas, uns números bastante pobres, pero que, a pesar de todo, melloraban aos de Benítez nos primeiros oito partidos: 10 puntos polos 5 cultivados polo técnico madrileño. 

 

Ademais, o 'Chacho' mediuse nese oito partidos a tres cocos como son o Real Madrid (en casa), o Atlético de Madrid e o Barcelona (ambos a domicilio). O calendario de Benítez non foi moito máis benévolo, perdendo contra Madrid e Barça, pero tamén enfrontar a dous recentemente ascendidos como o Alavés (1-1 en Balaídos) e As Palmas

 

Benítez pide tempo e reforzos, e ao club non queda máis remedio que concederllo, queira ou non, xa que a súa fichaxe por tres tempadas hipotecou á entidade. Despedir a Benítez provocaría un buraco nas arcas do Celta que non poden asumir neste momento. 

 

O CHOQUE CON LUÍS CAMPOS

Por outra banda, pensar nas fichaxes de inverno abre outro melón que ten como protagonista a Luís Campos. O gurú que contratou Mouriño o ano pasado non resultou como se esperaba. Non conta cun gran orzamento pero algunhas das súas apostas saíron ra (Óscar ou Paciencia, por exemplo) ou, directamente, non gozaron da continuidade esperada a pesar dos desembolsos millonarios (Swedberg, ao que só Benítez deu bóla, foi unha aposta persoal de Campos). 

 

É o papel de Campos o que confronta directamente co método de traballo de Rafa Benítez, un adestrador de perfil Premier League, afeito asumir tamén os labores de manager e ter unha maior intervención sobre as negociacións e as fichaxes. Con Campos como referencia, o madrileño ten que "apañarse" co que lle chega, sen que iso queira dicir que non teña voz no club nin capacidade de decisión. 

 

Desta forma, o mes de outubro pode ser clave para este Celta centenario, ao que ten que acompañarlle algo máis que a sorte nos seus próximos enfrontamentos. O vindeiro domingo recibe en casa ao Xetafe, xusto antes do parón polas citas de seleccións. Un mal negocio tratar de revitalizar a un equipo cando é Bordalás o que está enfronte. Á volta, o Celta medirase ante o Atlético de Madrid en casa e ante o Xirona, a gran revelación da liga, en Montilivi. Tres duelos cruciais para un equipo que, ou levanta cabeza, ou terá por diante outra campaña de desgustos, algo ao que xa parecen afeitos nos últimos anos na cidade olívica. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE