Familia Caamagno reúne aos seus incondicionais na Sala Capitol para a estrea de 'Disco Comarcal'
Este venres terá lugar a primeira posta en escena do novo disco da banda, que celebra 15 anos de música.
Cumprir tres lustros sobre os escenarios son motivo de celebración máis que suficiente como para convocar a propios e estraños a unha gran festa. Así o farán este venres os integrantes de Familia Caamagno, que se presentan na Sala Capitol cun disco debaixo do brazo para festexar estes 15 anos de música no que suporá o pistoletazo de saída aos directos de 'Disco Comarcal', o seu novo álbum.
GRAN ESTREA
O LP dos de Sigüeiro, o terceiro coa súa firma, xa está a soar en todas partes, con temas como 'Bomba de calor' que xa acumula miles de reproducións desde o seu lanzamento hai pouco máis de 15 días e que pon de manifesto que, máis dunha década despois, seguen sendo unha refencia na escena pop-rock do país.
A esperada estrea en directo a través dos seus oito temas novos terá lugar en Santiago de Compostela este 6 de febreiro, na mítica Sala Capitol a partir das 21:30 horas, e acompañados de moito máis que os fieis "caamagners" nesta primeira pedra de toque para a que aínda quedan boletos dispoñibles.
E é que, para tan sinalada ocasión, Familia Caamagno estará flanqueado por Ulex, a banda que fará de teloneira antes do gran concerto, e da Orquestra do Quince, formación de instrumentos de vento e teclados que prestarán apoio aos de Sigüeiro para pór a bailar a todo o recinto no que xa anuncian será "un directo novo e diferente" que contará, ademais, cunha sesión golfa na Sala Riquela cunha sesión de 'Pídechas ou corpo' para que siga a festa nunha noite que promete ser memorable na capital galega.
Escribe o teu comentario