Dezasete bandas debutan no Festival Sinsal que arrinca este venres en San Simón
Fiel á súa esencia, o cartel permanecerá segredo até a chegada do público ao recinto
O Festival Sinsal SON Estrela Galicia celebrará a súa 23ª edición desde este venres 25 e até o domingo 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela) do que formarán parte 30 bandas e solistas, das que 17 debutarán na Comunidade.
O festival do cartel secreto volverá ofrecer ao longo de tres xornadas unha pequena mostra da creación musical contemporánea máis estimulante que se produce na escena mundial.
Tal e como destacou a organización, a diversidade estilística, o protagonismo de proxectos liderados por mulleres, a programación de grupos que actúan por primeira vez en Galicia e "un profundo compromiso social e ambiental", ademais dun 'line-up' que o público só descobre ao desembarcar, volverán ser os acenos de identidade dun festival "único no panorama estatal".
Máis de 30 formacións chegadas de Angola, Arxentina, Austria, Bulgaria, Cabo Verde, Corea do Sur, Francia, España, Indonesia, Xapón, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Somalilandia, Suecia, Tunes e Uganda compartirán moito máis que unha grella de programación. Este fin de semana serán parte dun festival cuxo cabeza de cartel é a súa localización: a illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural (BIC).
Así, a programación do Sinsal 2025 contará con 17 debuts de bandas e solistas en Galicia, das cales unha ducia ofrecerá, ademais, a súa estrea a nivel estatal na ría de Vigo.
Durante tres días, o público poderá mergullar e gozar de até 36 directos e sesións, con postas en escena moi diferentes entre si, ao transitar polos distintos escenarios da illa: aos catro oficiais e reconocibles para os asistentes habituais do evento -- San Simón SON Estrela Galicia, Buxos FEST Galicia, Santo Antón Rock'n'Roll e Malmequeres--, uniranse nesta ocasión outros dous alternativos liderados por formacións locais.
Escribe o teu comentario