Nace a 'Escola de Pilotxs' en Esteiro baixo o paraugas da A. D. C. Esteirana de Carrilanas
A iniciativa inaugurarase o sábado 12 de abril ás 19h con concertos de Capital Voskov, Vos Rapaces e sesións de DJ.
A sensación de baixar a costa de Ou Maio á velocidade do trono é algo que só coñecen uns poucos e valentes elixidos. As carrilanas de Esteiro circularon por esa endiañada pendente durante anos e agora a A. D. C. Esteirana de Carrilanas prepara un gran evento para celebrar este deporte para os máis intrépidos coa 'Escola de Pilotxs - Carrilanas Esteiro'.
CRISE EN ESTEIRO
O evento, programado para este sábado 12 de abril a partir das 19 horas na Alameda de Esteiro, terá lugar nun momento especialmente delicado, co colectivo organizador desta Festa de Interese Turístico Nacional no medio dunha guerra coas administracións públicas, ás que acusan de perseguir á organización cun acoso e derriba que lles limitou no financiamento e o apoio institucional.
O xerme do conflito ten a súa raíz nun suceso ocorrido en 2019 durante a celebración do festival e que lles sapilcó até o punto de, un lustro despois, acabar nun lamentable proceso xudicial no que tamén participa a concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridade González, o que complicou o traballo da asociación até o punto de levar á plataforma a convocar unha reunión extraordinaria con todos os socios e veciños onde se anunciou que, no escenario actual, non habería Grand Prix en Esteiro este verán.
A pesar de todo, na A. D. C. Esteirana de Carrilanas non desisten no seu empeño de promocionar o deporte e a cultura e, mediante este proxecto, servir de trampolín para pilotos locais como Pablo Molinos Buján, na categoría de carcross, e Xabi Maceiras Lamela, de karting. "Este proxecto quere facilitarlles ese camiño desde o colectivo e o tecido social de Esteiro", subliñan desde a Asociación antes de cortar a cinta inaugural a esta escola.
CONCERTOS
Non será só un día de motor, senón que contarán para o acto coa actuación dos muradáns Capital Voskov, que este ano levaron en Queixo Maquetón da Festa do Queixo de Arzúa e foron os encargados de dar o chupinazo no festival arzuán. Agora, farán o propio con este proxecto en Esteiro, onde estarán flanqueados por Vos Rapaces e cun DJ invitado.
"A Escola de Pilotxs configúrase como un espazo de aprendizaxe, visibilización e impulso do automobilismo, cun forte vínculo coa tradición popular das carrilanas", agregan os organizadores, que tratan de "alcanzar novas colaboracións tanto a nivel institucional como privado, co obxectivo de garantir a continuidade e solidez desta iniciativa que carece de axudas ao non considerar deporte olímpico pese ao intento da entidade de incluíla no seu propio convenio de colaboración".
Escribe o teu comentario