O achado de pinturas con case 500 anos abre máis preguntas sobre o Convento de Santa Clara de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra confirma que conservará este descubrimento e que quere facelo visitable.
Os traballos de rehabilitación do Convento de Santa Clara, en Pontevedra, permitiron descubrir unhas pinturas murais cunhas características artísticas e históricas que son "únicas en toda Galicia" e que datan de entre 1570 e 1580.
Así o avanzou este luns o vicepresidente primeiro da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, ao comparecer no antigo cenobio das clarisas acompañado do profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela (#USC) José Manuel García Iglesias, doutor en Historia da arte, catedrático e unha das máximas autoridades en pinturas murais de Galicia e de España.
No caso destas pinturas descubertas no recinto pontevedrés de Santa Clara, remóntanse aos anos 1570-1580 e atopáronse dúas capas de pinturas murais no antigo refectorio.
Destaca unha imaxe dun corazón inscrito nunha aguia, que este experto cre que "non hai en ningún outro lugar" e que remite ao segundo tomo dun libro incunable, de finais do século XV, publicado en Basilea, Suíza, no que se recollían os sermóns de San Agustín, e do que en España se conserva un exemplar no arquivo da Catedral de Segovia.
Ademais desta imaxe tamén aparece outra de Cristo entre estrelas, unha de Santa Clara e outro conxunto, de temática vexetal, que parece indicar que nel estaría representado San Francisco.
O experto lembrou que estas pinturas murais chegaron até os nosos días foi "porque estiveron tapadas". No momento de retirar a cal ou o retablo que ocultaba un dos murais, as pinturas envellecen e en 20-30 anos escurécense, "polo que hai que traballar sobre elas continuamente".
García Iglesias explicou que a finais do século XVI as pestes levaron a que os espazos se blanquearan con cal, rompendo así a historia da pintura mural, cunha tradición moi importante desde os tempos do prerrománico até o século XVI.
O vicepresidente xa confirmou que a Deputación de Pontevedra ten previsto "manter e conservar" estas pinturas murais e que quere que sexan "visitables".
Escribe o teu comentario