Alex Guillán, 'Baiuca': “'Barullo' é imaxinar dentro dun baile con gran proximidade entre as persoas”

Álex Guillán é 'Baiuca' ou 'Baiuca' é Álex Guillán, a mente creadora do disco 'Barullo', un traballo musical que consolidou a mestura entre ritmos tradicionais e electrónicos que veu desenvolvendo 'Baiuca' nos últimos tempos. Neste traballo rodeouse de colaboracións como a de Antía Ameixeiras, Xurxo Fernández, Felisa Segade e Carlangas con cada un deles achegando o seu selo distintivo nos temas que participan. 


|

 

BAIUCA
BAIUCA

 

-Cales foron as ideas e puntos reunidos dentro do teu último traballo, 'Barullo'?

O primeiro, deixarme levar porque estivera traballando noutro disco máis conceptual, 'Embruxo'. Decidín sentarme e deixar que as ideas fluísen para explorar novos camiños por onde transitar, así empecei a compor sen outra pretensión que a de crear música, e realmente, tiña moitas ganas de traballar desta forma. Hai épocas nas que sentes a necesidade de compor moitos temas e outras son todo o contrario. Así xurdiu un momento no que tiña ganas de compor pero as ideas sobre que quería non estaban moi claras. Con todo, cando puiden ver un número importante de temas observei que si había un fío de unión: ritmos máis rápidos, máis electrónicos, non había tanto protagonismo de instrumentos tradicionais galegos aínda que se reservaban o papel de substitutos para instrumentos electrónicos nalgunhas composicións. Todo isto sumado ofrecíame xa unha idea para crear un disco con raíces tradicionais sobre bases máis electrónicas e engadindo voces máis pop como é o caso de Antía Ameixeiras. Isto deume a idea de sumarlle ideas que falasen deses momentos que compartes con outros nun club, nunha 'foliada', é dicir, un momento no que ese baile está presente e aparecen as relacións entre as persoas. Por tanto, é unha idea global nada despois de chegar a inspiración. 


 

Barullo
Portada de 'Barullo'

-O nome do disco, 'Barullo' (balbordo) está relacionado con esa idea de mesturar ideas e ao feito de buscar colaboradores non tan ligados á música folk?

A verdade é que nunca busquei crear nexos de unión específicos entre os meus traballos e a música tradicional, quizá o que máis se achegue a isto sexa 'Embruxo'. Cada disco supón para min buscar palabras concretas, porque os títulos tanto dos discos como das cancións, teñen unha palabra que os define, algo que empecei a facer desde 'Faiado'. Sigo sostendo esa idea de describir todo o que se quere expresar cunha soa palabra. No caso de 'Barullo', a idea era imaxinar dentro dun baile cunha gran proximidade entre a xente, algo que ao final demostra que é un disco máis potente que os anteriores. Precisamente, aínda que non hai un concepto de unión, si se garda un lazo común entre os diferentes temas. Estou moi contento de como quedou o repertorio e creo que as cancións deste disco son das mellores, non no sentido de melodía, senón no de cancións para gozar no sentido máis amplo da palabra.

 

Xurdiu un momento no que tiña ganas de compor pero as ideas sobre que quería non estaban moi claras
 

-Dentro deses títulos-palabras deste disco, cales son os que teñen maior carga simbólica para ti e cal é o significado de cada un?

Todos os títulos son importantes para min. Cando fago un disco moi longo, tento sintetizalo en nove ou dez temas dos máis relevantes da composición, por iso digo que cada peza debe ter un peso relevante e debe darlle un sentido ao global do traballo. Hai quen fala de ter tempo para que as cancións maduren e si duran ao longo do tempo son as idóneas para estar nun disco, esta sempre foi a miña forma de traballar. En concreto, os temas de 'Barullo' estivéronme acompañando desde 2022 e non me aburrían, por iso cría no seu potencial para saír adiante. Por nomear algunha, 'Barullo', que é a última canción e é das miñas favoritas polo que supuxo colaborar con Felisa Segade e ademais por ese ritmo bailable que estaba a buscar. Tamén foi incrible ter a colaboración de Xurxo Fernández nun tema como 'Navajitas', outro tema que me gustou traballar polas diferentes tonalidades que reúne. Boa parte deste disco reúne moito traballo de elaboración sobre sons gravados e isto é algo que me gusta facer, comprobar os límites dos instrumentos tradicionais cando se traballa a modificación do son. 


Aínda que non hai un concepto de unión, si se garda un lazo común entre os diferentes temas

 

-Cales foron os motivos polos que quixeches reunir neste traballo a Xurxo Fernández, Felisa Segade, Antía Ameixeiras e Carlangas?

Son persoas que admiro, que coñezo polo camiño ou hai persoas que me falan moi ben delas. Por iso para min é moi importante que todo iso estea mesturado, sentir conexión con esas persoas para poder estar cómodo á hora de traballar no estudo, en concreto sobre estes artistas debo dicir que para min son eminencias. Por outra banda, sentirme como un descubridor de voces a nivel global, de voces galegas, tamén é importante porque é posible que noutros lugares non se coñeza a ningún dos que colaboran neste disco. Por iso gústame axudar a dar visibilidade a voces que encaixan co meu son pero ademais de voces coñecidas tamén busco que as ideas encaixen dentro do concepto do disco. 

 

 Gústame comprobar os límites dos instrumentos tradicionais cando se traballa a modificación do son
 

-Gustaríache recoller do público algo máis que unha reacción positiva cara a este traballo?

Cada traballo é un paso adiante en moitos aspectos artísticos, en como pensar a xira, expor o espectáculo cos vídeos que facemos pero sen a pretensión dun punto de inflexión. O que fago é unha carreira de fondo onde vou subindo pasito a pasito unha costa non moi empinada pero que ten caídas. Creo que a primeira persoa que debe estar orgullosa e contenta co traballo son eu e a partir de aí ver si o público conecta ou non conecta, pero creo que ao final é importante dar pasos arriscados á hora de mostrar un disco diferente. Busco ir paso a paso e que isto dure moito tempo.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE