A crise na CRTVG e a Xunta dan o golpe definitivo ao galego na canle pública, lamenta A Mesa
A plataforma chama a apoiar a iniciativa 'Liberemos a galega' e a participar na mobilización do próximo 23 de febreiro.
Nunha situación de emerxencia lingüística como a que atravesa Galicia, A Mesa pola Normalización Lingüística puxo o foco sobre a proposta de lei de medios públicos de comunicación audiovisual que publicou hoxe o Consello da Xunta, onde, a xuízo da plataforma, redúcese aínda máis a oferta de programación en galego.
Marcos Maceira, presidente da Mesa, salienta o artigo 7 do texto, onde se contempla a posibilidade de empregar outras linguas "cando así o xustifique a finalidade de dar a coñecer a identidade culturar de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma", un apéndice que, supoñen, "pretende esquecer o papel central que os medios públicos galegos teñen na normalización da lingua galega".
Nesa liña, e no cotexto de crise da canle pública, inmerso nunha interminable folga, Maceira lembrou o apoio popular, con máis de 30.000 firmas e a unidade dos grupos parlamentarios, á Iniciativa Xabarín, pendente de arrincar pese ao visto e prace do Parlamento de Galicia.
"Mentres di estar a promover un pacto polo galego, a Xunta continúa a eliminar calquera uso e presenza do galego na nosa sociedade, por mínima que sexa", critican desde A Mesa por este proxecto de lei que suman á inoperancia do Plan Xeral de Noralización Lingüística que motivou unha gran protesta en Santiago de Compostela o pasado 17 de novembro.
"Queren expulsar máis o galego da única televisión onde se usa", lamenta Maceira, á vez que puntualiza que a Xunta rexeita reunir coa Mesa para compor o novo plan da lingua e anima á poboación a impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular 'Liberemos a galega', mentres preparan unha nova gran mobilización na capital galega o próximo 23 de febreiro.
Escribe o teu comentario