Xoán Quintáns: "O Festival Resesas só poderíase facer en Vilaxoán porque ofrecemos experiencias únicas"
Xoán Quintáns é o director do Festival Resesas, un encontro músico-gastronómico-cultural que está a se superar ano a ano. O nome do festival procede das sardiñas asadas nos días de festival e que é unha actividade organizada pola asociación A Pichoca. Tamén se pode gozar de concertos nun barco pesqueiro típico da zona mentres se navega pola ría. O Resesas é un festival ao que se lle recoñece o seu carácter ecléctico e sobre todo, ser o "festival das linguas" dada a diversidade de procedencias dos diferentes artistas que acoden a el.
-Resulta complicado asentar o Resesas nos espazos onde se situarán as acampadas e outros espazos?
É difícil a medida que creces ser capaz de controlar un espazo maior porque aí están as normativas, pero a realidade é que necesitas máis espazo ao aumentar a amplitude. Por outra banda, lembrar que o 28 de xullo o Resesas Miudo celebrarase en Santiago a partir do dez da mañá no Monte do Gozo.
-Ides manter unha liña musical diferente para cada día do festival?
Non, aquí mantemos unha liña de traballo festiva con xente que cremos que son as e os idóneos para manter a liña festiva do Resesas, xente da música galega máis actual como Tanxugueiras, Ranpants, Fillas de Cassandra e ademais Rebeliom do Inframundo que farán un concerto especial. Por outra banda, tamén procuramos traer grupos atractivos segundo as nosas posibilidades económicas, que son justitas, aínda que cada vez é máis difícil debido ao número importante de festivais que existe. Tamén contemos con que moitos grupos asinan contratos de exclusividade con festivais, concertos ou concellos. Hai moitos eventos e a inflación tamén está a chegar aos festivais.
-Como conseguides as zonas para a acampada, como o xestionades?
Por unha banda facemos un acordo cunha leira municipal e a outra leira é unha propiedade privada coa que negociamos. Estas áreas están dotadas de luz e seguridade e vanse completando até cubrir o aforamento.
-É de supor que a hostalaría de Vilaxoán ve con bos ollos a chegada do Resesas.
Si, claro, sobre todo os bares aínda que tamén hai apartamentos turísticos para alugar, as tendas de comestibles e demais locais de alimentación. E isto non só sucede en Vilaxoán senón noutros lugares de ao redor, porque ten en conta que o aforamento son máis de sete mil persoas por día e o domingo é gratuíto. Este festival ten un impacto dun millón de euros só na comarca, o ano pasado, o que tivo maior impacto até agora e canto a público, estou seguro que superou amplamente esa cifra. Por outra banda, ten en conta que as administracións piden ter o seu espazo con presenza de casetas e os equipos que traen os grupos cada vez son máis grandes. Todo isto suma, porque están os cachés, os impostos, SGAE e a inflación, que encarece as cousas. Aquí é difícil conseguir patrocinios, en Vilaxoán, un lugar pequeno. Hai anos podías soñar con ser “autofinanciable”, hoxe en día co 80% do aforamento vendido, coas subvencións e coas entradas máis caras non cuadras as contas. Hai quen pode dicir que polo número de asistentes isto é un negocio, non é así, con todo ás veces podes facer cousas por militancia e porque gústache. Despois de vinte anos facendo un festival, é como ter un fillo.

-Pero cambiou moito o panorama dos festivais?
As cousas complicáronse, por iso algúns festivais que eran históricos desapareceron e outros que eran gratuítos pasaron a ser de pago.
-Con todo, no cartel de Resesas aparecen numerosos patrocinadores públicos e privados.
Si, si, e desde logo non nos queixamos para nada. Sen o apoio de Xunta, Concello de Vilagarcía ou Deputación de Pontevedra e coas axudas privadas que entre outras están Deleite ou Mahou e moitas máis, sería imposible sacar adiante todo isto, e eles representan o 25% do apoio, por tanto, quédanos o 75% por diante. Até chegar ao tope débese facer moito, porque te metes con entradas e si con elas non obtés entre o 50 0 o 60%, a cousa complícase, o outro 25% deberías obtelo das barras. E aí te arriscas porque se chove ou o día non é bo, non podes cumprir co 25% que serían sobre 150.000 euros.
-Como se organiza a “sardiñada” para toda a xente que asiste ao festival?
Organízaa a Asociación A Pichoca, xente do pobo que fai un espectáculo do que é o asado das sardiñas. O domingo día 15 de setembro o acceso é gratuíto aínda que o prato de sardiñas é de pago e isto dependerá do prezo da sardiña en lonxa. Ten en conta que se pescan uns días antes e si hai mal tempo é difícil conseguilas, e así o prezo aumenta. O ano pasado o prezo foi de 7 euros por seis sardiñas e pan. Todo o espectáculo de asado, coa grella xigante, darlle volta unha a unha para asalas, ten a súa complicación porque estamos a falar de 1.000 quilos de sardiñas e tamén depende do tamaño do peixe. Nos últimos anos vaise esgotando.
-Por último, que ten Resesas que non teñen outros festivais?
Para nós é un festival único e irrepetible e que só se pode facer nunha vila mariñeira como Vilaxoán. Tamén existen moitas actividades de dinamización como percorridos por lugares atractivos, como son pazos, monumentos e historias ligadas a eles. Faremos seis concertos abordo dun antigo “xeiteiro”, o Chasula, unha embarcación coa que navegarás pola ría gozando da música e con comida e bebida. Isto só existe en Resesas. Ademais, tamén nos chaman o festival das linguas pola variedade de idiomas en que cantan os grupos desde galego a inglés pasando por asturiano, vasco, catalán e outros moitos. Non queremos ser repetitivos, queremos ser independentes.
Escribe o teu comentario