'O Frío' leva os premios á mellor curta de ficción e mellor director no Festival de Cans
Esta última xornada do festival arrincou coas proxeccións de curtos das distintas categorías oficiais
O curto 'O Frío' do director Pablo Dopazo foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción, ademais de levar o premio a Mellor Director e a Mellor Actor para José María Sanjurjo.
Tal e como informou a organización do certame, o curto foi premiado pola súa capacidade para "facer sentir a distancia, o desafecto e o frío". A película, inspirada nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva.
Así mesmo, no apartado de Animación o premio foi para 'Alguén me chamou Serpe Negra', que conta con guión e dirección de Borja Santomé. Mentres, o premio a Mellor Actriz nesta edición recaeu na protagonista do curto 'Nai', Andrea Vilariño, e o filme 'To bird or not to bird', do realizador e guionista Martín Romeu, obtivo dous galardóns: Mellor Guión e Mellor BSO.
Por outra banda, o premio a Mellor Fotografía foi para 'Ruovesi', un curto da directora e guionista Andrea Zapata. O galardón do xurado dos veciños a mellor curtametraxe de ficción/animación foi para 'Aquarium', da realizadora italiana Marguerita Morello.
Esta última xornada do festival arrincou coas proxeccións de curtos das distintas categorías oficiais. Este mediodía, o público asistente tamén puido acudir ao coloquio co director David Trueba, convidado especial en Cans nesta edición.
Escribe o teu comentario