Aurora Grandal, paleontóloga: "Cada vez atopamos máis restos de bosques antigos na costa"

A finais de marzo do presente ano puidéronse ver de novo os restos dun antigo bosque enterrado baixo a area da praia de Arealonga, no Concello de Barreiros (Lugo). Trátase de restos boscosos que posiblemente foron enterrados enre 4.000 e 3.000 anos atrás. 


|

Aurora Grandal
Aurora Grandal


 

-Cales son as especifidades que distiguen este lugar doutros semellantes en Galicia?

Este lugar son os restos dun bosque cando a liña de costa estaba máis lonxe, por tanto quedan restos vexetais e por tanto o chan do bosque. Cada vez encontramos máis lugares así na costa galega, restos de cando o mar estaba máis baixo. O nivel do mar subiu despois da última glaciación e fixo que as augas empurrasen a area máis adentro tapando o bosque. Logo as mareas foron levando e quitando area e así foi como puidemos descubrir os restos desa zona boscosa nun espazo intermareal. Zonas así tamén hai en Valdoviño, Seselle ou na ría da Coruña ou Santa Cristina. Mais a peculiaridade de Barreiros é a aparición de ósos. O outro sitio onde apareceran ósos foi en Seselle mais Barreiros ten unha cantidade máis grande de restos animais. É posible que na zona sumersa queden máis restos animais da Antigüidade, uns restos que era máis común encontralos en covas calizas. 
 

-Esa fauna e vexetación encontradas en Barreiros están relacionadas coas actuais?

Si, non son moi antigas, as datacións andaban entre os 3000 ou 4000 anos, non era unha fauna completamente diferente. Realmente estamos diante de fauna doméstica e silvestre, moi similar ao que temos agora incluíndo cervos, cabalos e vacas. Tamén apareceron os restos de mamíferos mariños, o que non sabemos é se é un resultado antrópico ou se eran animais varados na costa. 

 

-En Europa existen xacementos iguais?

Teñamos en conta que estas zonas non son turbeiras, realmente son bosque que acabaron soterrados pola area e logo quedaron asulagados cando subiu o nivel do mar. Este tipo de xacementos existen en toda a costa atlántica desde Irlanda, Escocia e en Bretaña. Isto é un fenómeno común á costa atlántica, mais con restos óseos conservados só se encontrou un lugar en Francia onde había uns restos arqueolóxicos e de fauna. Todo isto está sen estudar nin hai investigadores sobre o tema. Estivemos buscando xente coa que colaborar en lugares do estranxeiros mais non encontramos equipos estranxeiros
 

-Canto tempo puido durar o soterramento e asulagamento deste lugar?

Difícil de saber porque as datacións que temos son de restos máis superficiais con respecto da zona intermareal. Deducimos que entre os 3000 e 4000 anos atrás foi cando quedou tapado. O proceso comezou antes, porque a deglaciación comezou como mínimo 10.000 anos atrás e até que as árbores quedaron tapadas houbo tempo para desenvolver espazos boscosos e marismas. 

 

Barreiros
Corno de cervo encontrado en Barreiros en 2014 (A Mariña Patrimonio)

 

-Puido haber seres humanos?

Si, seguramente, pois houbo fauna doméstica. Os humanos tiñan moita superficie para ser utilizada ao ter máis espazo até o mar, por tanto eran zonas máis humanizadas. Moitos xacementos deberon quedar tapados pola area e logo o mar, así que si puido haber humanos nesta área. 


 

-Encontráronse restos humanos?

Non, non se encontraron restos humanos, se os houbese serían enterramentos ou algo moi localizado. O que pode abundar máis é a fauna do que quedan os restos. Nesta zona, como é algo puntual, non deu a casualidade de haber pegadas humanas, iso non quere dicir que non os haxa, mais deberiamos escavar toda a praia e a área submarina. Sería complicado de facer, por tanto, non teño dúbida de que houbo asentamentos. En áreas como esta encontráronse concheiros de hai 8.000 anos indicando que a xente vivía na costa.

 

-Cal sería a distancia entre a primitiva liña de costa coa actual?

O nivel máis baixo do mar, posiblemente hai 20.000 anos, podería estar 100 metros por debaixo do nivel actual, cen metros na vertical. Na horizontal da praia serían varios quilómetros de distancia porque está a plataforma costeira e logo, a liña de costa podería estar onde remata a plataforma. 

 

-Tamén se descubriron artefactos de orixe paleolítica no lugar de Barreiros?

A información que eu teño é a dos medios mais vin as fotos. Polo que vin, son ferramentas moi rudimentarias, semellantes ás paleolíticas que apareceron no sur do Miño. Isto pode levarnos a unha época máis antiga, aínda que non podería asegurar isto. Tamén pode ser que durante o espazo temporal de entre 10.000 e 4.000 anos, a xente explotaba o medio mariño e unha maneira era arrincando as lapas das pedras con ferramentas líticas que recordaban ás paleolíticas, pois para recoller lapas había que batelas con pedras con punta, por iso non estamos seguros se son picos para as lapas ou se son paleolíticas. Se fose así, estariamos diante dunha mestura de etapas. 

 

Barreiros 2
Óso de candorca encontrado en Barreiros en 2014 (A Mariña Patrimonio)


 

-Por que aparecen estas formas semellantes a vigas de mandeiras cada vez que o mar erosiona o bosque soterrado?

Pode ser casual, pode ser polas escorrentías do mar, da auga. Ese material non é homoxéneo en partes e outras partes si parece homoxéneo, desta maneira poden ser sucos feitos pola erosión do mar. Logo hai partes que parecer estar cortadas con maquinaria, ao mellor por labores de limpeza na praia. Mais as liñas paralelas considero que son naturais e puido ser a casualidade o que fixo formar esas figuras. 

 

-Os restos animais que se encontraron en 2014 no mesmo sitio onde están?

Están no Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña.
 

-Están xa datados?

Si, xa se fixeron datacións e análises de isótopos. Tamén se están a facer análises xenéticas porque no Instituto, a investigadora Gloria González Fortes, descubriu que os restos están moi ben preservados e iso sucede tamén no seu ADN.
 

-Sería posible realizar unha excavación neste lugar?

É complicado pois necesitariamos delimitar unha zona moi ampla ademais de ter que mover unha grande cantidade de area condicionado polas mareas e que xustificase este tipo de accións, porque as praias son espazos protexidos. Si pensamos nun principio en facer unha prospección submarina. Tamén fai falta un orzamento que non temos. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE