Fillas de Cassandra: "‘Últimas Dionisiacas’ vai ser a festa definitiva; como unha comida na casa da avoa”

Tras un 2023 para o recordo, Sara Faro e María Soa, as Fillas de Cassandra, arrincan 2024 presentando un novo espectáculo -para o que non quedan entradas o vindeiro venres 16 de febreiro en Vigo- no que revisarán 'Acrópole' desde unha nova perspectiva e descubrirán ao público no que están a traballar, con algún proxecto na cociña a lume baixo. Nesta conversa con Galiciapress, o dúo repasa os momentos máis emocionantes do último ano, a conexión que teñen co público e descobren as opcións reais que existiron para ir á última edición do Benidorm Fest, unha opción que descartaron e na que influíu unha actuación de Caamaño & Ameixeiras. 


|

Fillas de cassandra revenidas
Foto: Festival Revenidas

 

Se cren que o 2023 lles resultou movidiño é porque non viviron nas zocas de Sara Faro e María Soa. As Fillas de Cassandra experimentaron unha proxección meteórica no ano no que se confirmaron na primeira plana da escena galega, referentes da nova onda da música tradicional e icónos para moitos mozos e mozas que acoden en masa aos seus concertos. Con esta montaña rusa de sensacións sería lóxico pensar que necesitasen un minuto para tomar alento, pero non. O dúo volve este mes de febreiro con máis forza aínda e cas ganas intactas. Será xogando de local, en Vigo, na casa e ante a súa xente, onde darán a coñecer o seu último espectáculo, ‘Últimas Dionisiacas’, un xiro máis a unha proposta que xa conquistou ao público e á crítica en 2023.  
 

E, para mostra, un botón: 1.400 entradas vendidas para o concerto do próximo venres 16 de febreiro no Auditorio Mar de Vigo. E podemos dicir que foron “só” cerca dun milleiro e medio de entradas, porque a oferta se viu superada amplamente pola demanda, unha vez máis. No entanto, este éxito, outro na súa curta carreira, segue resultando unha excentricidade para elas un ano despois da súa irrupción. 
 

UltimasDionisiacas esgotadas

 

Seguimos nunha nube. Non nos deu tempo a procesalo todo. En parte porque enseguida volvemos a traballar”, recoñece Sara. Con este fito do ‘Sold out’ no Mar de Vigo, as olívicas din ter sentimentos atopados. “Temos dúas personalidades: unha que di ‘Onde ides crendo que podedes esgotar entradas a un mes vista, flipadas’; outra que pensa ‘En cuestión dunha semana liquídase’. Nesta ocasión gañou este segundo ego, pero saber que a xente segue a tope connosco é unha alegría inmensa e unha gran sorte”, comentan, aínda cos ollos coma platos pola calorosa recepción que tiveron.  
 

Esas dúas caras da moeda, a dualidade de se veren invencibles e mortais ao mesmo tempo, compénsase grazas ao apoio mutuo. “Somos o yin e o yang. Cando unha está moi subida, a outra xa di ‘Baixa os pés, raíña’. Pero ocorre de maneira natural, unha chega moi emocionada e a outra a arrefría un pouco. No escenario xa non, xa nos equilibramos e vivimos co público”.

 

A acollida do seu primeiro traballo, ‘Acrópole’, non puido ser mellor, cun recibimento que sorprendeu a propios e estraños ao tratarse dun debut que pronto se confirmou como a gran sensación da música en Galicia, algo que se podía ver a primeira ollada nos directos, onde o público coñecía de corrido non só as cancións do LP, senón outras que interpretaban exclusivamente nos concertos, o que demostraba que desde moi pronto había unha lexión de ‘Cassandras’ apoiando á formación. 

 

“É algo chulísimo. É moi emocionante”, afirma María, que apura a apuntar que esta será unha das claves do novo directo, pensado xusto para que os fans “aprendan as cancións deste espectáculo”. “Van atopar moitos xiros neste directo, poden ser dramáticos ou non”, engade Sara, xa que a proposta vai cimentarse sobre os seus temas anteriores, pero con “modificacións sobre o que xa existe”, aínda que tamén adiantan que se atoparán “cousas que poida que pertenzan ao noso próximo traballo discográfico”. 

 

“UNHA ELECTRÓNICA MÁIS ESCURA” E ESTRELAS CONVIDADAS

A pedra angular do show é “o aquí e o agora do concerto, esa vivencia que só pode ocorrer nun directo”. “Poida que como ocorreu o ano pasado, con cancións que nunca chegamos a editar, cando chegue o final da xira a xente xa as saiba até a última estrofa. Iso significará que moita xente xa viviu a experiencia varias veces. Aí é cando sentes verdadeira emoción”, comentan con alegría. 

 

Xa ocorreu con temas como ‘Tataravoa’ ou ‘Tola’ que, directo a directo e en cuestión de días, convertéronse en himnos, obrigando ás Fillas a gravalos no estudo e compartilos nas plataformas. “Pasaba con esas cancións o que nos pasou sempre. Primeiro soan nos concertos e despois sacámolas. Iso fai que en ocasións traian decepcións coa produción que facemos, pero outras é unha alegría porque por fin a poden escoitar sen parar. ‘Tola’ estaba escrita antes de lanzar ‘Acrópole’, e non a iamos a sacar, pero a xente morría de ganas porque a publicásemos, e tivémonos que render ante o público”, lembran, considerando que si é “un himno” é só porque “así o fixo a xente de boca a boca”.

 

“Esa sensación cando a xente se achega e diche: Onde podo escoitar esta canción? Só aquí, porque non existe doutra forma. Xa nos pasaba antes do disco, cando iamos coa furgoneta, e a nosa resposta era que até dentro duns meses non ían poder escoitalas de novo”, rememora María.    
 

Tratarase en calquera caso dunha experiencia coidada ao milímetro, onde as luces, a escena ou o vestiario xogarán unha parte fundamental. “Se escoitas o disco Sara e Maria sempre soan igual. Pero si vés ao concerto vas atopar moitas outras cousas que non vas poder reproducir noutro sitio”, convida Sara. De feito, abren a posibilidade a que un día antes do concerto “poder ocorrersenos unha canción”. “Podemos tocala, e si vemos que á xente lle gusta, pois xa veremos si a producimos ou non. Esa espontaneidade…oxalá nos dure sempre”. 
 

 

Será nese directo onde o espectador descubra o que definen como “unha electrónica máis escura”, acompañadas de Tania CaamañoMarina Vidal, que dotan dun peso maior ao apartado acústico. “Imos acompañalo de electrónica. Ultimamente deunos coa electrónica, estamos apaixonadas e imos incorporar máis partes así”, explican, á vez que deixan entrever que Tania e Marina non serán as únicas sorpresas no escenario, polo que podemos esperar a presenza de “unha ou varias estrelas convidadas” . 

 

UN RECORDO ESPECIAL PARA O REVE

Folga destacar que non será un show único, xa que a intención é levalo a todos os recunchos posibles, como xa fixeron en 2023, onde viviron momentos “moi emotivos” durante a xira. “En setembro, no Revenidas, ver á xente ao final do verán cantando un tema que estrearamos nese mesmo festival. Foi como pechar o círculo”, evocan, sobre un concerto que conseguiu encher o Parque Dona Concha.

 

“Agora lembrámolo e pensamos. ‘Fuah, rebentámolo!’. É que até nos entraba a risa ao ver que todo o mundo cantaba tan forte desde o primeiro tema”, din, desde “a incredulidade do que vivimos aquel día”. “Hai pouco falabamos con xente da organización e antes de que abrísemos a boca xa nos dixeron: ‘Sabemos que se vos quedou pequeno o escenario’. Pero foi perfecto así”.  
 

Fillas de cassandra
Foto: Festival Revenidas

 

Pero máis aló das fronteiras de VilaxoánPedrafita tamén soaron moito as Fillas de Cassandra, con concertos multitudinarios en lugares como Madrid, onde a cola de xente “taponaba as entradas dos locais próximos onde iamos tocar”. “Pero que nos etiquetan en historias desde Brooklyn! En Brooklyn soando ‘Lisitrata’ nun garito! É surrealista…”, afirma Sara.

 

SARA E MARÍA…EN EUROVISIÓN?

A realidade superou con fartura a calquera expectativa que puidesen ter nun primeiro momento. Tanto creceu o fenómeno das Fillas de Cassandra que mesmo chegaron a postularse como unha opción real para ir a Eurovisión, sendo unha das bandas favoritas para os Eurofans moito antes de que se desen a coñecer os participantes no Benidorm Fest que acabou conquistando Nebulossa coa súa ‘Zorra’.  
 

Esa posibilidade, a alternativa de subirse a esa corrente e aproveitar o trampolín que ofrece esta exposición tan mediática, foi a que provocou “unha das poucas discusións que tivemos de verdade”. 

 

“Ao principio era un pouco como una coña. Pero a medida que ían chegando mensaxes e mensaxes… Houbo opcións reais de ir, estaba a pasar, pero no último momento descartámolo. Coa carreira que levamos, que foi sempre ascendente, imos seguir nesta liña, e se un día chega e tense que dar, que así sexa. Pero non era este o momento”, resolven.  
 

Pero, que lles fixo tomar esta decisión tan difícil? En que momento un chega a unha conclusión tan definitiva? “Foi vendo a Caamaño & Ameixeiras”, resolven, con toda naturalidade. “Véndoas pensamos que había que apostar polo traballo, pola música, tiñamos xa en mente este espectáculo, as datas… Non nos apetecía ir á tele. Queriamos facer esta proposta e a aposta foi gañadora”, considera María. 
 

PREPARANDO A CATARSE

Como non se lle pode pór portas ao mar, a creatividade de Sara e María brota en calquera momento, o que as levou a aprender a “xestionar mellor o traballo”. “Somos moi traballadoras. En ocasións superounos a situación. Pero mentres teñamos ilusión supérase todo”, xustifican.  
 

Unha creatividade que as leva a explorar en profundidade as raíces da música tradicional galega. Precisamente este punto foi obxecto de debate estes días, xa que o concerto das Fillas de Cassandra chega xusto ás portas da xornada de reflexión do 18-F. Conscientes da perspectiva política da súa arte, non ocultan o carácter pedagóxico das súas letras, que nunca concibiron como “unha verdade absoluta” senón “parte das cousas que pensabamos e sentiamos”. 

 

“O que ocorre é que moita xente se viu reflectida nesa liña de pensamento. Mesmo xente que non o estaba abriuse a reflexionar sobre aquelo que expomos”, relata Sara, que considera que “todo é política”, como o simple feito de que “dúas mozas enriba dun escenario cantando en galego co noso discurso”. 

 

Agora, a expectación dos fans concéntrase xa non só neste novo directo, senón no próximo de Fillas de Cassandra, algo que xa teñen no forno e que virá máis cedo que tarde. Non é un segredo, porque na súa propia web xa anuncian que están “a preparar a catarse” mentres sacan temas como 'Anguleele' xunto a Zetak.  
 

 

Queremos que a despedida sexa unha comida na casa da avoa: con cancións, festexos e que todos se vaian contentos. Vai ser un proceso de transformación colectivo”, convocan. Será unha despedida longa antes do novo traballo, porque este verán haberá “moitas máis actuacións”, con citas confirmadas no Festival de Ortigueira ou no Festival SonRías Baixas.  


 

 

‘Últimas Dionisiacas’ vai ser a festa definitiva. Non imos manter o ritmo do ano pasado porque se non podenos dar un vahído. Queremos preparar outras cousas e ter tempo para nós”, confirma María. Queda claro que cando dicían aquilo de ‘“Xa non calaremos máis” dicíano en serio. E para alegría de todos nós. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE