Restauran pezas galegas para a mostra de Terra Santa no Gaiás
Tendo como eixo central estas doazóns, a exposición mostrará tamén obras de distintos puntos de Portugal --onde actualmente se exhibe a mostra-- e de Galicia.
A Xunta restaura un conxunto de pezas pertencentes ao Convento de San Francisco de Santiago de Compostela para a súa inclusión na exposición 'Tesouros reais. Obras mestras da Terra Sancta Museum'. Entre marzo e agosto, esta mostra exhibirá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, por vez primeira en España, obras mestras da colección histórica da Terra Sancta Museum de Xerusalén.
'Tesouros reais' suporá para o público galego a oportunidade de contemplar xoias conservadas durante séculos pola Custodia Franciscana da Terra Santa de Xerusalén, doazóns realizadas ao longo de medio milenio polas monarquías católicas de Europa elaboradas polos mellores ourives, artesáns e artistas da época.
Tendo como eixo central estas doazóns, a exposición mostrará tamén obras de distintos puntos de Portugal --onde actualmente se exhibe a mostra-- e de Galicia.
Estas obras galegas inclúen pezas arqueolóxicas, pictóricas e outros singulares que permitirán profundar na historia dos coñecidos como Santos Lugares e achegar ao nexo que une grandes cidades de peregrinación como Xerusalén, Compostela e Roma.
Proceden de entidades prestadoras como o Museo Massó, o Museo da Catedral de Santiago, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo, e os conventos de Santa Clara de Santiago de Compostela e das Nais Capuchinas de Oleiros, ambos de clausura.
TRABALLOS DE LIMPEZA E RESTAURACIÓN
Entre estas pezas galegas atópase tamén un conxunto de catro maquetas de madeira e nácar, varias cruces e un relicario dos mesmos materiais, así como unha pintura do século XVIII titulada San Francisco ante o altar de Santiago, de Plácido Fernández, todas elas procedentes do Convento de San Francisco de Santiago de Compostela, que están a ser obxecto de traballos de limpeza e conservación por parte de persoal técnico especializado do Museo Centro Gaiás.
Ademais, realizarase a fixación de escamas de policromía desprendidas no caso da pintura, e a aplicación dun vernizado final que mellorará o aspecto e protexerá as obras de danos externos. Unha das maquetas que están a ser obxecto de intervención é a peza principal da colección do compostelán convento franciscano, realizada a mediados do pasado século polo xefe dos talleres de carpintaría do convento de San Salvador de Xerusalén, frei Bartolomeu das Heras.
Dunhas dimensións de 2,37 por 3,12 metros e máis dun metro de alto, reproduce en detalle todos os elementos construtivos da Basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén, incluíndo pinturas, pavimentos ou inscricións.
Por outra banda, as maquetas e cruces de nácar e madeira de oliveira, datadas entre os séculos XVIII e XIX, constitúen, segundo a Xunta, "unha mostra do excepcional traballo artesanal" realizado con estes materiais en Belén e Xerusalén. Destacan especialmente dúas cruces de altar, unha delas realizada coa técnica máis antiga que se coñece para este tipo de traballos, documentada en Belén desde o século XVI.
MUSEO DA TERRA SANTA
O Convento de San Francisco de Santiago de Compostela atesoura obras arqueolóxicas, artísticas e documentais, procedentes de doazóns da Custodia Franciscana de Terra Santa. En 1984, estes fondos depositáronse na súa localización actual, dando lugar á orixe do Museo de Terra Santa de Santiago, que foi inaugurado en 1993 e que actualmente se atopa pecho ao público.
A exposición 'Tesouros reais. Obras mestras da Terra Sancta Museum' mostrará no Gaiás un patrimonio artístico pouco coñecido, que até o momento apenas foi exhibido ao gran público. Ademais de Lisboa e Compostela, ao circuíto internacional da exposición sumaranse en 2024 e 2025 dous destinos máis, respectivamente, en Europa e Estados Unidos, que serán anunciados en datas próximas.
Posteriormente, estas obras comporán o núcleo da colección histórica da Terra Sancta Museum, que prevé abrir as súas portas ao público na cidade vella de Xerusalén. A mostra conta co historiador francés Jacques Charles-Gaffiot, membro do Comité Científico da a Terra Sancta Museum de Xerusalén, como comisario internacional.
Escribe o teu comentario