'Últimas Dionisíacas', o novo show de Fillas de Cassandra que estrearán en Vigo o 16 de febreiro
O Auditorio Mar de Vigo acollerá a posta de longo do novo directo do dúo que revolucionou a música do país en 2023.
2023 foi un ano inesquecible para María Pérez e Sara Faro. As Fillas de Cassandra irromperon e consagráronse na escena musical nun tempo marca, cun álbum, 'Acrópole', que seduciu tanto ao público como á crítica e que as tivo de ruta por dentro e fóra de Galicia durante meses. Agora, lonxe de botar a durmir, o dúo suma e segue e para 2024 preparan o lanzamento do seu novo show 'Últimas Dionisíacas'.
Capaces de mesturar como ninguén pandereitas e sons electrónicos, as Fillas prometen darlle outra volta de porca á súa proposta "desde unha electrónica máis escura e potente", na presentación que terá lugar o próximo 16 de febreiro ás 22 horas no Auditorio Mar de Vigo e cuxas entradas para gozar da velada están xa á venda.
O concerto non terá só unha revisión aos temas do primeiro longo desta parella musical, senón que tamén será a oportunidade de escoitar os que se publicaron posteriormente e presentarán algúns temas inéditos.
"É un espectáculo que aposta polo inédito, que existe só no aquí e agora do directo, sen chegar a reproducir nunca. Cantos efémeros, revisitaciones da Acrópole e parte do que debe ser o noso próximo traballo discográfico", explican as Cassandras do que definen como un "festexo colectivo e catártico", onde a luz e a escena volven xogar un papel crucial para entender todo o peso que ten este espectáculo no que participarán Tania Caamaño e Mariña Vidal.
Escribe o teu comentario