A Mesa reclama o cumprimento da Iniciativa Xabarín tras dous anos desde a súa aprobación
Mesa pola Normalización Lingüística esixiu o cumprimento da Iniciativa Xabarín (para a programación infantil e xuvenil en galego en televisión), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021.
Con máis de 33.000 firmas e co apoio de decenas de colectivos, a 'Iniciativa Xabarín' foi aprobada no Parlamento galego en maio de 2021.
Máis de dous anos despois, nada se sabe: "Está a impedirse que a infancia e a mocidade galega teña unha mínima posibilidade de acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a ela".
A Mesa pola Normalización Lingüística esixiu o cumprimento da Iniciativa Xabarín (para a programación infantil e xuvenil en galego en televisión), que se aprobou por unanimidade no Parlamento galego en maio de 2021.
"Despois de meses sumando o apoio de ducias de colectivos e de máis de 33.000 persoas", apuntaron nun comunicado, "segue sen cumprir o acordo parlamentario".
Por iso, a organización lanzou este xoves unha campaña para esixir o seu cumprimento inmediato por parte da TVG e de TVE.
En canto ao acordo, lembran que recollía que a TVG "aumentaría a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade, a través do reforzo e a promoción das catro canles Xabarín" e que o sinal destas canles sería distribuída a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, adsl e tecnoloxía móbil con "programación dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñible en todos os dispositivos e plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas".
Con todo, "a realidade é que a día de hoxe nada disto existe", segundo indica o presidente da asociación, Marcos Maceira. "A programación infantil e xuvenil en galego é apenas o 0,83% da dispoñible nas operadoras de televisión e a TVG reduciu o espazo reservado a esta programación na segunda canle", remarca.
En relación a TVE, o acordo do Parlamento galego instaba a dobraxe e a incluír lendas na súa canle infantil, e a disposición adicional 5ª da nova lei do audiovisual obriga a facelo nos contidos destinados a menores de 12 anos.
Con todo, denuncia o presidente da Mesa, o galego está dispoñible "nun 0% das súas emisións na canle temática Clan".
"É lamentable que haxa que insistir para cumprir a lei e os acordos unánimes do Parlamento galego, pero a fobia ao galego de Alfonso Rueda non pode estar por encima da demanda cidadá de que a TVG impulse a oferta en galego para nenos e nenas", defendeu Maceira.
"Está a impedirse que a infancia e a mocidade galega teña unha mínima posibilidade de acceso a contidos audiovisuais televisivos orientados a ela, e para iso o presidente Rueda non dúbida en boicotear directamente unha decisión do Parlamento sobre a TVG. Esta actitude fortalece tamén o desprezo polo galego da actual dirección de RTVE, que actúa coma se o galego simplemente non existise e non tivese status legal ningún", insiste.
Por último, afirmou que os poderes públicos teñen "a obrigación de promocionar o galego" e as televisións públicas teñen que estar "ao servizo da sociedade".
A campaña xa se pode asinar online no link https://www.amesa.gal/manifestos/xabarin-xa/. Poderase facer tamén en papel e buscará de novo os apoios das entidades sociais, centros de educación ou concellos. As firmas recollidas serán entregadas á Xunta de Galicia, TVG, Ministerio de Asuntos económicos e dixitalización e a TVE.
Escribe o teu comentario