Micro aberto o Día das Letras Galegas en Vigo para homenaxear a Paco del Riego
A cadea El Corte Inglés e a súa sección Ámbito Cultural participan nas celebracións do 17 de maio, Día das Letras Galegas, a través dunha serie de actos Vigo. As actividades organízanse en colaboración coas editoriais Galaxia e Belagua,
Hai que lembrar que a Real Academia Galega (RAG) dedica este ano a celebración, que chega á súa edición número 60, a render homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Foi un tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor moi ligado a Vigo, cidade onde desenvolveu gran parte da súa carreira e faleceu.
En concreto, El Corte Inglés organiza o ciclo "Celebrando as nosas raíces", que incluirá un micro aberto con destacados escritores galegos. Organizarase tamén a presentación do libro Fernández del Riego.O home que valía por mil, obra de Pepe Carreiro e Antón Mascato editada por Galaxia, e un contacontos musical, "Xiana e a meiga Xela".
O martes 16 de maio, durante o recital "Micro Aberto", escritores recoñecidos da literatura galega compartirán a lectura dos seus libros en galego. Os micrófonos abriranse ás 19.00 horas na libraría do Corte Inglés en Vigo, para que os autores dean voz ao idioma propio do país. Os micros tamén estarán dispoñibles para aqueles que desexen participar desta homenaxe.
Pedro Feijoo, Antonio García Teijeiro, Malores Villanueva, Manuel Bragado, Manuel Esteban, Beatriz de Cea, Pati Branco, Elba Pedrosa e Andrea López serán algúns dos participantes.
Escribe o teu comentario