A Mesa denuncia en Estrasburgo os "reiterados incumprimentos da Xunta" sobre o galego nas escolas
Marcos Maceira, presidente da organización, participou nun encontro con Joerg Horn e Maxime Huot, membros do Secretariado do Consello de Europa para a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas.
Convidados a participar no Intergrupo de linguas minorizadas do Parlamento Europeo, representantes da Mesa pola Normalización Lingüística aproveitaron a súa estancia en Estrasburgo para avanzar noutros aspectos que consideran importantes en prol da defensa da lingua propia de Galicia. Marcos Maceira, presidente da Mesa, participou nun encontro con Joerg Horn e Maxime Huot, membros do Secretariado do Consello de Europa para a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas.
A reunión de traballo serviu de analis dos "reiterados incumprimentos da Xunta respecto ás recomendacións do Comité de Ministros do Consello". Nesa liña, desde a plataforma lembran a negativa da Xunta a levantar as restricións existentes no ensino en galego na comunidade polo Decreto do Plurilingüísmo.
A Mesa levou á sede do Parlamento Europeo a súa proposta, elaborada de forma conxunta con outras organizacións como son as ANPAS Galegas, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, o sindicato CIG a través da súa área de educación, o sindicato CSIF, Nova Escola Galega e STEG. Nela incorpora as bases para a normalización no ensino e os cambios que se deberían incorporar para a defensa do galego.
"No encontro acordaron manter e mellorar a fluidez nas comunicacións e información entre A Mesa e o Consello de Europa", apostilan desde a organización no seu comunicado.
Escribe o teu comentario