O Goberno de España prohíbe a A Mesa manifestarse en favor do uso do topónimo A Toxa no ‘Foro La Toja’
Segundo expresa A Mesa pola Normalización Lingüística no seu comunicado, a Delegación do Goberno de España en Galicia prohibiu a manifestación do próximo 29 de setembro.
Segundo expresa A Mesa pola Normalización Lingüística no seu comunicado, a Delegación do Goberno de España en Galicia prohibiu a manifestación do próximo 29 de setembro.
Como en anos anteriores, onde mesmo se viviron momentos de tensión entre os manifestantes e as forzas da orde, A Mesa tiña programada a manifestación durante o transcurso do Foro, ao que asistirá Felipe VI.
Con motivo da celebración do ‘IV Foro La Toja’, A Mesa pola Normalización Lingüística, como fixera no pasado, convocaba á poboación a unha manifestación no Grove en defensa do uso de topónimo “propio e legal” da Toxa, en lugar do deturpado utilizado polos organizadores. Con todo, este venres anunciaron que, por orde do Goberno de España, a concentración queda prohibida.
A decisión emitiuna a Delegación do Goberno de España en Galicia e así llo trasladou á entidade, que denuncia que, “despois de aceptar o cambio de hora solicitado pola subdelegada en Pontevedra, María del Carmen Filomena Larriba García”, atopáronse coa sorpresa da “prohibición total da concentración”.
POSIBILIDADE DE RECURSO
A escusa para tal orde é “un informe emitido pola Garda Civil”. Desde a plataforma advirten de “un especial interese en impedir a presenza de movementos sociais molestos ao poder, como o da defensa e normalización da lingua galega” nun acto que contará con empresarios e personalidades da política nacional e internacional, entre eles o rei de España, Felipe VI.
Neste sentido, sinalan ao delegado do Goberno, José Manuel Miñones, ao que Maceira lembra que na edición interior tivo lugar “a intervención violenta da Garda Civil contra as persoas que reclamabamos o uso legal do topónimo”, á vez que lamentan que o foro conte con apoio público.
“A Mesa estuda recorrer a prohibición da Delegación do Goberno e aseguran que o día 29 sairán á rúa”, sinala o comunicado. “Todo o poder político e económico que se concrentrará na Toxa non dá impunidade para incumprir a lexislación”, conclúen.
Escribe o teu comentario