Abandona a UCI o ferido máis grave do atropelo múltiple da Coruña e sobe a planta cos outros feridos
Catro dos seis feridos permanecen ingresados no CHUAC unha semana despois do sinistro.
Un dos homes feridos no accidente múltiple e intencionado ocorrido o 27 de agosto no centro da Coruña saíu da Unidade de Coidados Intensivos (#UCI), segundo informaron desde o Complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).
Este paciente atópase agora en planta, así como as outras tres mulleres que seguen ingresadas polo mesmo accidente. "Evolucionan todos favorablemente", confirmaron as mesmas fontes.
O pasado mércores ás 12.15 horas, seis persoas foron arroiadas por un vehículo na rúa Juana de Veiga cando os peóns estaban a cruzar debidamente por un paso de peóns. A vítima máis nova foi unha nena nada en 2021 e a maior, un home de 1950.
O condutor responsable do suceso foi detido e practicáronselle as correspondentes probas de drogas e alcol. Posteriormente, foi ingresado no Hospital de Oza baixo vixilancia policial para ser examinado polo persoal sanitario para a súa avaliación médica e psiquiátrica.
Nacido en 1974 e con domicilio na Coruña, o home estaba aparcado nunha área reservada da citada rúa e arrincou o coche cando as persoas comezaron a cruzar, segundo o mesmo recoñeceu aos axentes.
Escribe o teu comentario