Un incendio nun depósito de gas provocado por un raio en Boiro sáldase sen danos persoais
O suceso rexistrouse sobre as 08.10 horas deste domingo nunha das naves do polígono de Espiñeira e foi un particular o que deu a voz de alarma
Un raio provocou un incendio nos tubos dun depósito de gas dunha nave en Boiro e o incidente saldouse sen ocasionar danos persoais.
Segundo informou o 112 Galicia, o suceso rexistrouse sobre as 08.10 horas deste domingo nunha das naves do polígono de Espiñeira e foi un particular o que deu a voz de alarma.
Até o punto desprazáronse os Bombeiros, a Policía Local e o Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro. Ademais, deron aviso os profesionais sanitarios, que finalmente non tiveron que intervir.
Os Bombeiros e o persoal de mantemento da empresa traballaron na extinción do lume e confirmaron que arderon dúas tubaxes no depósito de gas.
Escribe o teu comentario