Unha peatona morre tras ser atropelada na travesía da Rañeira, en Lestón, A Laracha
A estrada AC-552 é difícil de cruzar neste tramo, porque conta con varios carrís nunha recta, polo que os coches adoitan vir rápido e, ademais, a penas pasos de peóns a pesar de ser unha zona con casas a ambos os dous lados.
Unha muller de 58 anos, con iniciais M.J.L.M, faleceu na mañá deste martes tras ser atropelada por un vehículo na estrada AC-552, ao seu paso polo municipio coruñés da Laracha.

Segundo trasladou o 112, o suceso produciuse sobre as 08,00 horas no lugar de As Rañeiras, pertencente á parroquia de Lestón.
Así, até o lugar mobilizouse aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Bergantiños, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil da Laracha, así como aos operarios de conservación da estrada.
Pola súa banda, o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladou até o punto unha ambulancia de soporte vital avanzado e un equipo de Atención Primaria do centro de saúde da localidade, que atendeu a un home de 24 anos.
ACCIDENTE EN CAMARIÑAS
Por outra banda, o 112 Galicia informou dun sinistro na localidade coruñesa de Camariñas. Neste caso, os Bombeiros de Cee tiveron que liberar a unha persoa que sufriu unha saída de vía no quilómetro 15 da AC-432.
Os feitos sucederon pouco antes das 02,00 horas da madrugada. Un particular alertaba á central de emerxencias de que un vehículo quedara envorcado nunha leira.
Con esta información, os xestores do 112 deron aviso aos servizos sanitarios, aos Bombeiros de Cee e á Garda Civil de Tráfico.
Xa no lugar, os servizos de emerxencia procederon a retirar o teito do vehículo para poder sacar ao ferido do interior. Os Bombeiros de Cee afirmaron que o accidentado tiña diversas feridas, pero se atopaba consciente.
Así, o persoal de emerxencias trasladou en padiola ao ferido até a ambulancia do 061, para o seu posterior traslado ao centro hospitalario de referencia.
Escribe o teu comentario