(VÍDEOS) Miguel Montero, bombeiro muradán rescatista en Turquía: "Salvamos a tres persoas; aquilo era un caos"

De volta a casa despois de varios días en Turquía operando nos labores de rescate tras o terremoto que azoutou ao país e a Siria, o galego Miguel Montero atende a Galiciapress para contarnos a súa experiencia.

 


|

De volta a casa despois de varios días en Turquía operando nos labores de rescate tras o terremoto que azoutou ao país e a Siria, o galego Miguel Montero atende a Galiciapress para contarnos a súa experiencia.

 

Son moitas as necesidades da poboación afectada polo tremor, que deixou miles de corpos sepultos baixo as infraestruturas que non aguantaron o sismo. Montero e os seus compñaeros da ONG Intervención, Axuda e Emerxencias lograron recuperar de entre os cascallos a tres persoas con vida. 

 

En Galicia, como delegado de IAE na comunidade, Montero trata de alcanzar acordos coas administracións galegas para que os cans de rescate da ONG poidan participar noutros operativos de procura. 

 

M.Montero con aukan malinoise y ULA Pastor aleman de trabajo (1)
Montero con algúns dos cans de rescate da unidade galega | Foto: ONG IAE

 

Miguel Montero leva xa unha década como bombeiro, pero nin todos os anos de experiencia podíano preparar para o horror que viviu este febreiro. “As imaxes que vemos por televisión non fan xustiza. Á nosa chegada aquilo era un caos absoluto. Eran demasiados, edificios, demasiada xente con problemas…”. Montero acaba de chegar de Turquía, onde participou no operativo de procura e rescate da ONG Intervención, Axuda e Emerxencias, á que pertence e coa que se desprazou a Adiyaman , onde buscou algunha esperanza entre os centenares de vivendas que non resistiron o sismo que se cobrou máis de 22.000 vidas, moitas das cales aínda permanecen debaixo dos cascallos. 

 

Xa de volta en Muros , a súa casa, Montero trata de volver á rutina despois dunha experiencia tan dura que para a ONG non é algo novo despois de 20 anos de traballo de axuda internacional e humanitaria. “#IAE estivo en Haití, en Nepal, no anterior terremoto de Turquía…”, recompila Montero entre a ducia de saídas internacionais nas que estivo presente a organización, axudando á localización e rescate das vítimas atrapadas en estruturas colapsadas. 
 

 

Superada esa fase, unha vez que transcorreu o tempo no que se pode salvar aos afectados, a ONG participa nas tarefas de axuda humanitaria. Agora os esforzos céntranse en atender as necesidades de todas esas persoas que se quedaron sen fogar en pleno inverno, con temperaturas por baixo dos 0ºC. “Reunían a madeira que podían e acendían fogueiras nas beirarrúas para combater o frío”, comenta Montero.

 

 

Ante este panorama, o Goberno de Turquía solicitou a IAE a xestión da axuda humanitaria, para o que precisan desde tendas de campaña até luvas, pasando por sacos de durmir, colchóns, hospitais de campaña, xeradores eléctricos, mantas, calefactores ou cociñas de gas. Desde a ONG están a negociar con diferentes institucións públicas “que se comprometen á compra, entrega e desprazamento até o aeroporto de Madrid”. 
 

O máis difícil hoxe é enviar todos eses recursos, polo que na ONG non poden comprometer a recibir a material persoa a persoa. “A mellor maneira de colaborar sería economicamente, con doazóns á ONG que é a que xestiona os desprazamentos”, razoa Montero. 

 

TRES RESCATES

Nese sentido, os recursos dos equipos de asistencia tamén eran limitados, xa que a Unidade de Rescate Internacional de IAE “é totalmente autónoma”. “Desprázasche desde España ao momento do rescate cun campamento: tendas de campaña, posto de mando, ferramentas de perforación, cans de rescate… Todo para uns 10 ou 12 días”, explica Montero, que nese tempo puido salvar a tres persoas.
 

 

“Nada máis chegar avísannos dun raparigo de 26 anos atrapado por unha estrutura. Logramos facer un acceso e en pouco máis dunha hora logramos liberalo e sacar a esa persoa con vida".

 

 

"Dous días despois localizamos a un pai e a súa filla. O rescate levounos seis horas de perforación, foi moi complicado”, lembra o bombeiro de Muros. 
 

 

En Galicia a ONG está presente desde fai relativamente pouco, sumar á delegación de Melilla e a unidade de Valencia. A unidade canina galega aínda non pode participar nesta clase de dispositivos, xa que está a ser adestrada nestes momentos. “O o noso non é só a axuda internacional, senón tamén a procura e rescate de persoas desaparecidas no monte ou outros ecosistemas”.

 

Até Adiyaman desprazáronse os cans da unidade valenciana, que son un dos principais valores do operativo, pero non o único. En primeiro lugar recórrese ao “silencio e escoita”, que é alertar de viva voz da presenza dos equipos de rescate entre os cascallos e permanecer en silencio, por si hai unha resposta. 

 

 

“O recurso dos cans é moi valioso. O seu olfacto é infinitamente superior ao noso e están adestrados para localizar o cheiro dos sobreviventes entre os cascallos”, agrega Montero. Tamén os sensores acústicos dos que dispoñen os equipos de emerxencias son fundamentais para poder localizar aos afectados. Con todo, os cans contan con certas “limitacións”, xa que en situacións tan excepcionais como estas os equipos botan moitas horas olfateando en distintas zonas “e ao final os cans satúranse, evidentemente”. 
 

“UNHA UNIDADE MULTIDISCIPLINAR”

Os cans da unidade de Padrón son “de rastro e de batida de grandes áreas”. “Dependendo do tipo de traballo van mellores uns cans que outros. Para o rastro son especialmente bos os sabuesos, os cans de caza, pero tamén os pastores e labradores en grandes áreas e entre os cascallos” argumenta.

 

Con esta experiencia, Montero proxecta avanzar nos próximos meses no obxectivo do '#IAE RESCUE' de Padrón, que é poder "integrar a IAE Galicia dentro dos equipos movilizables para colaborar coa procura de vítimas en derrubamentos e persoas desaparecidas". Aínda pendentes de celebrar distintas reunións con concellos de face a alcanzar convenios para os labores de procura, o diálogo até agora foi “moi positivo”, pero Montero admite que está “a atrasar un pouquiño” este proceso.
 

WhatsApp Image 2023 02 17 at 14.21.04
 Equipos de rescate de IAE en Turquía | Foto: ONG IAE

 

“Quero ter un grupo multidisciplinar en calquera tipo de situacións. Estamos a traballar co adestramento entre cascallos, onde estamos aínda algo verdes. A ver si ao longo do ano podemos seguir charlando coas administracións públicas para achegar o traballo e a experiencia da ONG”, conclúe o bombeiro. 


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE