Prisión provisional para o brigadista detido por prender lume reiteradamente no Xurés

|

ArtefactoincendiarioArtefacto incendiario.

O Xulgado de Bande decretou prisión para o membro da brigada municipal do Concello de Lobios detido pola Garda Civil como presunto autor de seis incendios forestais no Xurés.


Fontes da Fiscalía sinalaron que o Ministerio Público pediu prisión para o brigadista porque recoñeceu a maioría dos feitos que se lle imputan, co que o mozo ingresará no cárcere ourensán de Pereiro de Aguiar.


CASTIGADO POLO TERRORISMO FORESTAL


A asociación ecoloxista Arco Iris dirixira un escrito ao Xulgado de Bande no que reclamaba esta medida cautelar e lembraba que o Código penal contempla penas de ata 20 anos para estes supostos, así como que o Parque Natural do Xurés foi "especialmente castigado polo terrorismo forestal nos últimos anos".



Reclaman, por tanto, que a Xustiza impoña "as máximas penas, con efectos disuasorios", ao advertir o "dubidoso éxito" das campañas promovidas por Medio Rural.


OPERACIÓN LUMEX


Esta detención realizouse no marco da 'Operación Lumex', na que a investigación, xunto ao testemuño dalgúns veciños, levou á detención este luns de M.G.F., veciño de Puxedo, Lobios, de 21 anos.


Durante o verán producíronse varios lumes na comarca de Baixa Limia e detectouse que os incendios foran provocados, con focos distribuídos en ladeiras de forte pendente para que se propagasen "o máis rápido posible", segundo informou a Garda Civil nun comunicado.


Pola súa banda, fontes da investigación explicaron que o membro da brigada municipal do Concello de Lobios "utilizaba o itinerario desde o seu domicilio ata a base da brigada para plantar lume", mentres "todos os incendios se producían a escasos minutos do comezo da súa xornada laboral".


PRETO DE VIVENDAS


De feito, cando o distrito de extinción de incendios detectaba o comezo dos lumes, o brigadista detido "atopábase traballando, polo que en ocasións el mesmo era desprazado a apagar o incendio que provocara". Nalgúns casos, as chamas "chegaron a pouco máis de cen metros" de vivendas, como o ocorrido en Silvares de Grou, Lobios, o 22 de agosto.


En concreto, impútaselle un incendio declarado o 30 de xullo nos Chaos, Lobeira (3,5 hectáreas de arboledo queimadas); outro o 14 de agosto en Lobios (0,40 hectáreas de raso); e outro o 16 de agosto, en Lobios (0,30 hectáreas de arboledo).


A lista prosegue o 22 de agosto, en Silvares de Grou (Lobios), con 2 hectáreas de arboledo arrasadas; o 27 de setembro, en San Martiño Araúxo (Lobios), con 10.000 metros de arboledo calcinados; e o 2 de outubro, en Feiravella (Entrimo), con 2.500 metros de arboledo afectados.


relacionada Medio Rural cesa centos de efectivos antiincendios sen acabar a campaña de alto risco
relacionada Dous anos de prisión e cinco de liberdade vixiada para un pirómano confeso
relacionada Arco Iris pide que se divulgue a identidade e a foto dos incendiarios
relacionada De madrugada e con varios focos á vez, así actúan os incendiarios

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress