“Estas eleccións van de se o presidente Rueda ou a presidenta Pontón”

Ana Pontón é a máis nova entre os e as presidenciables con opcións, pero nesta entrevista con Galiciapress demostra xeitos propios dunha política con décadas de experiencia. Insiste nas súas ideas forza -estamos ante unha oportunidade única de termos unha muller presidenta e na práctica isto é un combate BNG vs. PP- e esquiva polémicas -por exemplo, unha hipotética negociación con Democracia Ourensana para botar ao PP. O pacto coa Anova de Beiras e Noriega, a nacionalización de a Alcoa e como solventar a falta de médicos no SERGAS son outras das cuestións desta conversa, a segunda da serie de entrevistas electorais cos principais candidatos que está publicando este xornal. 


|

Ana Pontu00f3n durante a entrevista con Galiciapress
Ana Pontón durante a entrevista con Galiciapress


 

Di Alfonso Rueda que non cree na enquisa do CIS, que xa esperaba unha manobra do PSOE para crear ambiente de cambio.  Vostede cre nela?  

 

Máis alá desta enquisa, eu estou percibindo que hai ganas de cambio, hai unha maioría que quere cambio, que cre Galicia necesita un cambio porque está quedando estancada. É  o que nós estamos a percibir. Evidentemente, a enquisa definitiva será o 18 de febreiro pero estas son as eleccións máis abertas da nosa historia e temos a oportunidade real de conseguir que por primeira vez Galiza teña a unha muller na presidencia e coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas.

 

Como recibiu a noticia primeira enquisa que leva aos galegos pensar a poder pensar que poder haber un cambio de goberno cunha muller ao fronte.

Estas eleccións van diso, se o presidente Rueda ou a presidenta Pontón. Polo tanto, se todas as persoas que queren cambio, van votar e concentran o seu apoio no BNG, o 18 de febreiro imos e facer historia coa primeira muller na presidencia e dándolles galegos e ás galegas un goberno que só mire polos seus intereses.


 

“O goberno da Xunta é o cuarto problema para os galegos  según o CIS, cos pellets vimos de novo a mentira como xeito de gobernar”


 

Con todo, a movilización polos pellets non foi tan masiva como a de Nunca Máis e daquela o PP caeu por un só deputado e por escaso marxe. Vostede ve agora aquel grao de mobilización que permitiu a derrota de Fraga na rúa ?

Afortunadamente, a marea de microplásticos non é comparable coa marea do Prestige, non é unha catástrofe desa dimensión pero na rúa, nos actos, si vexo esa mobilización propia dun país que quere cambio, un país agotado tras 15 anos dun goberno do PP. Na rúa párame moitísima xente para dicirme que este é  momento, que imos facer historia e que imos abrir un logo novo ciclo para o país que realmente permita que as persoas teñan un futuro mellor. O cambio é posible e o cambio necesario. 

 

Un dos datos que deixa a enquisa do CIS é que o cuarto problema para os galegos e ás galegas é o actual goberno da Xunta. É  así porque temos un goberno que non se pon ao fronte, incapaz de afrontar os retos.  O goberno  demostrou a súa incompetencia na xestión desa desa marea plástica que chegou ás nosas costas. O que vimos de novo foi a mentira como forma de facer política pero tamén a incapacidade de poñerse ao fronte e dar solucións. O único que facía o goberno da Xunta era buscar culpables.


 

“Si se puido intervir Telefónica pódese intervir Alcoa, que alguén me explique porque non. Se son presidenta vou impulsar a intervención canda o Goberno Central

 

Esta semana preguntamos ao candidato socialista á Xunta sobre Alcoa. Besteiro indicounos que posibilidade dunha nacionalización non se debería enarbolar neste intre, que había outros pasos  máis doados na lexislación española e que estaba por ver que Alcoa fose marchar realmente. Qué cre voste, cómpre xa unha intervención temporal ou mellor unha nacionalización directa indefinida?

 

Alcoa dixo onte que vai reactivar as cubas pero cunha ameaza, que se acaben antes os fondos e que se faga un peche antes do que estaba previsto e o que non vale é aceptalo dunha forma acrítica. Alcoa puxo sobre a mesa o peche desa factoría e todo o que está facendo é ir traballando nesa dirección. Por tanto, xa perdemos demasiado tempo e cada día que pasa é un día que gaña a estratexia de Alcoa e é un día que perden os traballadores e traballadoras desa factoría, que perde Galiza e toda a Mariña lucense.  Polo tanto estamos nun momento decisivo e o que non podemos seguir perdendo tempo, por iso se son presidenta vou a impulsar a intervención pública de Alcoa coa colaboración do goberno central, que ten que participar dese proceso para salvar máis de 1.000 empregos na Mariña e a única fábrica de aluminio primario do noso no noso país. 

 

O resto creo que é facerlle perder tempo aos galegos e as galegas e seguir poñendo contra as cordas ao conxunto da comarca, onde sabemos o peso que ten Alcoa desde o punto de vista económico e desde o punto de vista do emprego. Non é o momento de defender os intereses dunha multinacional senón que é o momento defender os dos traballadores traballadoras da fábrica de San Cibrao. Alcoa quere gañar tempo para consumar o seu plan e entendo que si se puido intervir Telefónica pódese intervir Alcoa, que alguén me explique porque non.

 

“A Xunta sabe cantos médicos se xubilan ao ano, porque non fixeron un plan para sustituilos? O seu plan era chegar a onde estamos, con 11.000 nenos sen pediatra asignado”

 

Segundo o CIS, a Sanidade é a segunda preocupación dos galegos tras o paro. Explique aos votantes como vai solventar o atasco da Atención Primaria se a razón de fondo é que non hai médicos que contratar, por moitos cartos que se lle ofrezan. Niso coinciden Xunta e sindicatos. Difiren nas causas. A Xunta culpa ao Estado por di limitar as prazas de formación, os médicos culpan a Xunta polos anos de recortes que empurraron a miles de sanitarios galegos á emigración e agora non hai xeito de encher os ocos das xubilacións.

 

En primeiro lugar, si hoxe á sanidade pública está contra as cordas é porque o PP ten un deseño claro, queren deterioralo o público para beneficiar ao privado. De feito, en atención primaria nestes 15 anos recortaron 2.100 millóns de euros. Isto é o que explica que teñamos menos profesionais, que teñamos as urxencias colapsadas ou once mil nenos e nenas en todo país sen pediatra asignado. A responsabilidade do que está pasando é do PP. Eles saben cada ano cantos médicos e médicas se xubilan, porque non fixeron unha programación para cubrir esas vacantes?  Se non o fixeron é porque o seu punto de chegada é estar como estamos.

 

Ademais, están expulsando a persoal sanitario pola precariedade. Os profesionais que acceden ás prazas de formación de medicina familiar, logo unha parte moi importante non queren traballar en primaria polas súas condicións.  É posible darlle a volta esta situación? Creo que si.

 

Imos a recuperar eses trinta e catro millóns de euros do imposto do patrimonio para que quen ten máis contribúa máis e podamos destinalo a contratación de máis médicos

 

Pero como facelo?

Necesítase en primeiro lugar un plan de rescate atención primaria que imos impulsar nos 100 primeiros días de goberno. Ademais imos reformar o sistema de primaria para que nos permita incorporar máis profesionais, por exemplo psicólogos e psicólogas clínicas porque sabemos que neste momento as necesidades de saúde mental representan o 30% das consultas que teñen os profesionais de primaria. 

 

Cómpre un goberno que teña vontade política para a solucionalo e eu quero ser a presidenta que lle devolva aos galegos e ás galegas unha sanidade pública de calidade e que poñan freo ao recortes e privatizacións destes 15 anos.

 

Para esas medidas necesítanse cartos, prevé o BNG reverter algunhas das medidas impositivas do PP, como eliminar o imposto de patrimonio?

É evidente que o PP mentres recortaba servizos públicos, facía agasallos fiscais ás rendas máis altas, como eses recortes de 34 millóns de euros no imposto de patrimonio. Nós imos a recuperar eses trinta e catro millóns de euros para que quen ten máis contribúa máis e podamos por exemplo destinalo a contratación de máis médicos e médicas, enfermeiros ou doutro persoal.

 

Temos que seguir aglutinando dentro do BNG a todas esas persoas que hoxe dubidan. Témolo ao alcance da man e quedan poucos días para logralo.
 

Unha cuestión máis política, unha das noticias desta precampaña sen dúbida é o acordo entre BNG e Anova. Vostede sabe perfectamente que ese foto de Ana Pontón e Martiño Noriega compartindo estrado sen dúbida terá un lugar nos libros de historia do nacionalismo galego despois do duro divorcio despois do bipartito. Este tipo de acordos pódense explorar de cara aos comicios europeos ou locais?

Esa foto para min foi un motivo de alegría. Esa é unha idea que comparten moitos sectores da sociedade galega. De feito ao longo destas últimas semanas chegoume a resposta de que a moita xente deulle esperanza pero, sobre todo, porque demostrou moita altura de miras.

 


 

Quero agradecerlle a ANOVA que supera ler o momento político, que supera poñer por diante o país. É unha mensaxe clave, estamos nun momento decisivo no país, podemos ter por primeira vez a unha presidenta do BNG. A clave para que iso se produza é que xuntemos ao redor do BNG a todas esas persoas que queren cambio. Demostra que outras forzas políticas así o ven e que está poñendo os intereses da cidadanía por diante.

 

Ana Pontu00f3n durante a entrevista con Galiciapress en Santiago
Ana Pontón durante a entrevista con Galiciapress en Santiago

 

E nas europeas e nas vindeiras locais?

Que vai pasar no futuro? Pois vamos a ir dando pasos en todo caso eu o que agradezo moito e a xenerosidade a altura de miras de ANOVA.

 

E como se lle quedou o corpo cando escoitou a Pablo Iglesias pedindo o voto para o Bloque?

Non quero a entrar a valorar as opinións ou situacións que teñen outras forzas políticas, que respecto moito. Este 18 de febreiro xogámonos moito e unha das claves de que se produza o cambio ao político é que ao BNG se sumen todas as persoas que queren que haxa ese cambio de ciclo.

 

Séntese reivindicada personalmente ? A última vez que tivo que decidir se presentarse a portavoz nacional do Bloque, vostede pediu un periodo de reflexión de varias semanas. Moitos interpretaron que o que estabas facendo era mandarlle un mensaxe á fronte de que necesitabas non só o seu equipo senón marxe, digamos ideolóxico ou de manobra, para poñer en marcha ideas como recuperar ás pontes coa xente que marchou do Bloque …

 

Á marxe das interpretacións que cadaquén faga, ese período de reflexión foi para min moi importante e ten que ver co que nos estamos xogando nestas eleccións. O nacionalismo ten que ser unha forza hexemónica e ese unha labor de todos e todas.  Estou moi contenta porque hoxe estamos nunha oposición para poder facer historia e ter a oportunidade de dirixir por primeira vez o país. Hai unha unha ilusión e unha unha unanimidade enorme, non só no BNG senón en todas as persoas que saben que somos a referencia, a esperanza de poder construír unha Galiza mellor con máis oportunidades de futuro. Témolo ao alcance da man. Quedan moi poucos días para conseguilo. Temos que seguir aglutinando dentro do BNG a todas esas persoas que hoxe dubidan. Temos días intensos por diante para demostrarlle que poden confiar en nós, para pedirlles que nos dean a oportunidade de dirixir o país e demostrarlle de que imos estar á altura da súa confianza.

 

 Son as persoas que deciden que forzas políticas teñen a oportunidade de pactar e en que medida.
 

Fala das persoas que dubidan. Nas eleccións xerais de verán, Bloque e Sumar sacaron un nivel similar de votos, aínda que nas galegas o nacionalismo sempre golea a esquerda de ámbito estatal e así tamén o prevén agora as enquisas. En todo caso, que pode ofrecer o BNG a un votante de esquerdas que non pode ofrecer PSOE, Podemos ou Sumar?
 

Mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas e non ter que pedir permiso a Madrid para poder tomar decisións a favor desta maioría. Eu creo que está clave.


Poña un exemplo.

No ámbito enerxético, a única forza política defendendo situar a enerxía ao servizo da sociedade galega é o Bloque. O resto comparten un deseño onde a nosa enerxía sirve para que no conxunto do Estado, sobre todo Madrid, que non produce, teña enerxía barata e para que as grandes eléctricas se forren a costa do noso país sen deixar os seus beneficios aquí. 

 

Eu creo que este un exemplo práctico de cara que vale un goberno do BNG.  Servirá para que demandemos ao estado unha tarifa máis baixa para compensarnos polos custes ambientais e sociais e para cambiar ese modelo a favor das eléctricas e poñelo ao servizo de sociedade galega, das familias e das PEMES. Tamén para ter unha compañía eléctrica 100% pública na que por primeira vez que se senten nese consello de administración non sexan expresidentes ou exconselleiras, senón o conxunto dos galegos, para que os beneficios da electricidade queden en Galiza.


 

Se para ser presidenta cómpre un acordo con PSdeG e Sumar parece claro que vai haber pacto. Pero se para ser presidenta cómpre tamén incorporar a Democracia Ourensana, está disposta a sentarse con Jácome? Ou visto os antecedentes é algo que descarta por completo?
 

Estamos en campaña e aínda non votou a cidadanía. É moi prematuro dicir que pactos vai haber, por os pactos é o resultado do que vota cidadanía. Son as persoas que deciden que forzas políticas teñen a oportunidade de pactar e en que medida. Facer valoración sobre futuribles que máis estou convencida de que non se van dar non ten ningún sentido.


 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE