Ningún raposo abatido no campionato de caza celebrado en Forcarei
Membros de PACMA escorrentaron os animais a bucinazos e tentarán que se prohiba a súa caza.
Integrantes do Partido Animalista PACMA utilizaron bucinas para escorrentar os raposos e evitar así que fosen cazados no campionato desenvolvido este sábado en Forcarei, no que "non se abateu ningún animal".
PACMA documentou a través dun vídeo, que se pode visualizar na internet, a actividade que realizaron este sábado, escorrentando con bucinas os animais, e que se enmarca nas accións que o partido iniciou en Galicia para tentar paralizar a IX Copa de España de caza de raposo, no marco da campaña #YoNoDisparo.
Durante os próximos días, a formación anuncia que continuará o seu traballo para tratar de conseguir a prohibición definitiva da caza do raposo. Así mesmo, PACMA solicitou información sobre os estudos e plans nos que se basea a autorización da IX Copa de España de Caza de Raposo.
Nesta liña, o Partido Animalista engadiu que estes campionatos son unha excepción aos días hábiles de caza recollidos na resolución do 19 de maio de 2017, polo que "debe estar avalada por informes que proben que a poboación de raposos require estas batidas".
PACMA sostén que "non hai ningún estudo publicado sobre a cantidade de raposos existentes en Galicia", polo que "os campionatos se converten en concursos sen límite, onde o obxectivo é matar cuantos máis exemplares mellor", no que sosteñen que "non só atenta contra a vida dos animais, senón contra a biodiversidade e o medio ambiente".
"Galicia converteuse nun campo de batalla para os raposos, que están a ser perseguidos polos cazadores, co beneplácito e a autorización da Xunta de Galicia", concluíu a organización.
Escribe o teu comentario