O pleno municipal de Ourense pon en escena o "colapso" da cidade
O Partido Popular, que non presentou aínda ningún borrador de orzamentos, cualifícao de "teatro para amedrentar a cidadanía".
O pleno do Concello de Ourense aprobou solicitar a "urxente colaboración" da Xunta e do Goberno central para asinar convenios e "establecer colaboracións" con outras administracións co obxectivo de impulsar a prestación de servizos e "liquidar o colapso administrativo que sofre" a cidade.
Democracia Ourensana (DO) e PSOE votaron a favor (13 votos), mentres que os dous deputados de Ourense en Común (OUeC) abstivéronse por considerar que "xa existe esa colaboración" con outras administracións. Pola súa banda, o PP votou en contra (10) dunha proposta que cualificou como "un teatrillo para amedrentar a cidadanía".
A proposta inicial presentada por Democracia Ourensana pretendía solicitar a "intervención" do Concello por parte das administracións central e autonómica, aínda que finalmente cambiouse a redacción ante a recomendación dos técnicos municipais que informaron de que non se pode pedir esa actuación se non se cumpren uns requisitos moi concretos.
Nesta liña expresouse a concelleira de Facenda Ana Morenza, que afeou á oposición que para pedir unha intervención un concello ten que ter unha débeda inasumible, incumprir co teito de gasto ou co período medio de pago a provedores.
"UN MODELO PARA ESPAÑA"
Morenza resaltou que desde a toma de posesión de Jesús Vázquez estes tres aspectos melloraron ata o punto de que o Concello pasou de "estar ao bordo dunha intervención social" a converterse "nun exemplo para seguir por todos os Concellos de España".
A portavoz do grupo de goberno insistiu na súa "estupefacción" pola proposta de DO, que definiu como "unha polémica estéril" e "un teatrillo co obxectivo de amedrentar a cidadanía".
Para o portavoz de DO, Gonzalo Pérez Jácome, a proposta é unha "medida excepcional" que reclama debido a "a incapacidade de xestión por parte do peor alcalde da historia de Ourense".
SEN ORZAMENTOS EN TRES ANOS
Entre os motivos que enumerou Jácome para xustificar esta medida apuntou o incumprimento de acordos plenarios, a perda de subvencións e, especialmente, que "en case tres anos non houbo orzamentos nin se presentou un borrador".
Neste punto coincidiu o portavoz socialista Ángel Vázquez Barquero, que afeou ao grupo de goberno que non presentase orzamentos "nin un modelo de cidade" e que na actualidade "estea a traballar cun orzamento prorrogado e con créditos ficticios".
Vázquez Barquero lamentou que o PP presuma de redución da débeda durante a súa xestión por considerar que "todos os alcaldes deberían ser insumisos" ao teito de gasto, que cualificou como unha medida para que as empresas privadas ofrezan os servizos e ocupen o lugar que debería estar a cubrir a administración pública.
O portavoz de DO, Martiño Xosé Vázquez explicou a abstención do seu grupo na pouca ambición da proposta, que inicialmente apostaba por unha intervención do concello e porque "xa se está producindo unha colaboración" coa Xunta e o Goberno central.
Escribe o teu comentario