'Mal de moitos', pioneira do teatro galego, volve ás táboas
Escrita por dous membros da Irmandade da Fala de Ferrol, foi popular antes da Guerra Civil.
Cartel da obra.
'Mal de moitos', sainete escrito en 1915 por Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Ermida, membros da Irmandade da Fala de Ferrol e impulsores do teatro galego, volve representarse.
A cita é este sábado na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, e o Grupo de Teatro da Sociedade Cultural Medulio de Ferrol será o encargado de poñelo en escena.
'Mal de moitos' foi unha das pezas galegas máis representadas ata a Guerra Civil en Galicia e posteriormente chegou a América coa emigración.
A obra, que recrea un diálogo entre un ancián e un mozo que volve a Galicia tras meses na emigración, será introducida polo profesor e ensaísta Francisco Rodríguez Sánchez, que falará do teatro das Irmandades e dos autores desta obra, ambientada na parroquia de Ferreira, no municipio de San Sadurniño.
Sobre Charlón e Sánchez Ermida dixo no seu día Carvalho Calero: "Dous artistas de Ferrol que gozaron un tempo de gran popularidade, socios entusiastas do laureado coro local Toxos e Froles, compuxeron pasos e sainetes que podían sempre ser interpretados por dous actores soamente. Eles mesmos daban a coñecer así as súas pezas".
Escribe o teu comentario