Gonzalo Caballero: "Con Feijóo, o mellor escenario é tentar ser mileurista"
O líder do PSdeG carga contra a política económica de axuste fiscal da Xunta, a mesma que durante a crise.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, carga contra a política económica do Goberno de Feijóo, que rexeita por manter a mesma estratexia de axuste fiscal que durante os anos da crise.
Nun almorzo con xornalistas este venres en Santiago, o líder dos socialistas galegos critica que "o axuste fiscal é o único leit motiv das contas públicas". Reclama, por tanto, que a Xunta "aproveite o escenario positivo para rectificar o fracaso da súa política económica e que permita reactivar" o tecido produtivo e a política social.
"Con Feijóo o mellor escenario é tentar ser mileurista", reprocha Gonzalo Caballero. Así, cualifica cun suspenso a estratexia do presidente e os conselleiros de axustar as contas e "colocarse medallas" por iso, mentres se "imposibilita un impulso visible para as familias".
O secretario xeral ve, ademais, as políticas de emprego "sen rumbo", que non serven para "capacitar os cidadáns que necesitan un emprego".
Nesta liña traballará neste curso o PSdeG, tal e como anuncia Caballero, tanto desde o partido como desde o grupo parlamentario.
RELACIÓN CON OUTRAS FORZAS
Cuestionado sobre a relación do PSdeG nesta etapa co resto de partidos políticos, o líder socialista remarca ter "a axenda aberta para reunirse con outras forzas políticas". Así, recoñeceu "algún contacto informal", que se concretará en reunións máis formais "cando sexa preciso".
Nesta liña, defendeu que "hai vías de comunicación e unha relación fluída no Parlamento", que fan "menos urxente" actos máis formais con En Marea e o BNG.
ACTO CON ABEL CABALLERO
En clave interna, Gonzalo Caballero restoulle transcendencia á súa participación o vindeiro luns nun almorzo informativo xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, co que mantén posicións políticas diverxentes.
"A agrupación socialista de Vigo é a miña casa", defendeu, para afirmar que "nos parece que o alcalde de Vigo e presidente da FEMP é a persoa idónea" para participar nese acto. "Díxenllo telefonicamente hai dez días e aceptou gustoso", destacou.
CREARÁ UN ' THINK TANK'
Así mesmo, Gonzalo Caballero avanzou a creación dun ' think tank' para facer "que as mellores ideas do país estean co PSdeG" e, así, conseguir que o partido poida "liderar as formulacións da Galicia do futuro".
Aínda que non quixo detallar polo momento que nomes participarán neste "laboratorio de ideas", o político vigués expresou que o obxectivo será contar coa achega de persoas que representen "progreso, realidade social e cambio" para situar o Partido Socialista como unha "intersección" entre a sociedade civil e o mundo da política.
Escribe o teu comentario