O peor do temporal deixa ondas de case dez metros na costa da Coruña
A onda máis alta superou os 15 metros de altura. O momento "máis perigoso" da alerta acabou ás cinco da tarde.
A Coruña pechou os accesos ás praias. Foto: @ConcelloCoruna
O temporal marítimo que obrigou a decretar a alerta vermella en gran parte da costa galega, concretamente na Coruña e Lugo, deixou ondas que se aproximaron aos 10 metros de altura no litoral coruñés.
Así se desprende da información facilitada polo Ministerio de Fomento a través dos datos rexistrados polas boias dependentes de Portos do Estado.
No caso de Langosteira, a boia rexistrou ondada que chegou a superar os 15 metros ao longo da mañá. O valor máximo deuse ás 11.00 horas, cunha onda de 15,35 metros.
Desde Meteogalicia explicaron a Europa Press que esta situación está provocada por unha borrasca moi profunda situada entre Groenlandia e Islandia, e que está a xerar "moito vento" no Atlántico norte.
Así mesmo, prevén que o estado do mar se normalice aos poucos a partir das nove da noite, despois de pasar ás cinco da tarde o momento "máis perigoso" da xornada, coincidindo coa preamar.
Escribe o teu comentario