Son os testemuños das vítimas cribles ante a Xustiza cando non hai máis probas?
Unha tese da USC confirma que os informes psicolóxico-forenses avalan a veracidade dos seus testemuños.
A tese doutoral da estudante de Psicoloxía da USC Bárbara González confirmou a validez dos informes psicolóxico-forenses nun proceso xudicial á hora de avalar a veracidade do testemuño dunha vítima.
Así, segundo informa a USC nun comunicado, nos casos nos que a declaración da vítima é a única proba de cargo, este tipo de informes convértense en "probas indiciarias críticas" para dotar de valor o relato do denunciante.
Esta é a principal conclusión que se extrae do traballo de Bárbara González, que analizou a validez da coñecida como 'hipótese Undeutsch', unha técnica de análise que avalía a calidade do contido dunha declaración utilizando unha serie de criterios definidos, como a estrutura lóxica, a cantidade ou a reprodución de conversacións, entre outros parámetros.
Deste xeito, a tese valida este método "en todo tipo de poboacións", aínda que tamén conclúe que a ferramenta forense máis utilizada --'CBCA', derivada da 'hipótese Undeutsch'-- "presenta diversas limitacións que o converten nun sistema semiobxectivo, que non é fiable nin válido para a práctica forense".
Con todo, o estudo sinala que é posible crear ferramentas fiables baseadas na citada hipótese, como o sistema de contido 'SEG', creado na Universidade compostelá e que foi posto a disposición de todos os xulgados de Galicia.
"Aínda se pode avanzar no sentido de axustar os sistemas a cada contexto --agresións sexuais a mulleres, acoso laboral ou acoso escolar-- de forma que se incremente a súa eficacia no apoio da testemuña das vítimas", sinala Bárbara González.
Escribe o teu comentario