A primeira selección centralizada de policías locais pode ser este mesmo ano
Xunta e Fegamp avanzan nun modelo que, sobre todo para os concellos pequenos, supón "unha descarga de responsabilidade".
A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) avanzan para facer este mesmo ano na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) a primeira convocatoria centralizada para a Policía Local.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, acudiron á inauguración da xornada formativa sobre a centralización destas probas selectivas, xunto aos directores de Emerxencias e Administración Local, Luís Menor e Marta Fernández-Tapias, respectivamente.
O decreto aprobado polo Executivo autonómico regula a cooperación entre a Xunta e os concellos para facilitar a selección, tanto dos membros dos máis de 2.500 membros do corpo da Policía Local, como dos vixiantes municipais e dos auxiliares, centralizando a organización dos cursos selectivos de formación e capacitación na Agasp.
Así, os concellos poderán asinar voluntariamente o convenio cun prazo de duración de catro anos para solicitar a cooperación da Xunta, pola que se determina, por parte do Goberno autonómico, a asunción da convocatoria das prazas vacantes, a colaboración na realización das probas de selección para o ingreso, ascenso ou promoción aos corpos de Policía local, e a organización dos correspondentes cursos selectivos de formación ou de capacitación.
"UNHA DESCARGA DE RESPONSABILIDADE"
Pola súa banda, a Fegamp informou de que máis de 180 persoas de 80 concellos galegos participaron na xornada formativa para coñecer todos os datos sobre o proceso de selección centralizada.
Lembra que os concellos galegos se atopaban, desde hai tempo, ante unha problemática que estaba a afectar á xestión dos cadros de persoal da policía municipal, con "moitas dificultades" no proceso de selección, debido á complexidade dos procedementos e á "gran cantidade" de candidatos que atraían estas probas.
Tamén se atoparon os municipios con "moitos atrancos" á hora de renovar os cadros de persoal da policía local, ou de acomodar os efectivos ás necesidades do concellos con motivo de celebracións, períodos estivais ou outras necesidades específicas.
No acto de inauguración da xornada, o presidente da Fegamp, Alfredo García, valorou o "logro" para os municipios. "Este decreto é para os concellos, e sobre todo para os concellos máis pequenos, unha descarga de responsabilidade e un adianto á hora de facer cambios dos cadros de persoal ata agora moi complicados debido á complexidade dos procedementos e á gran cantidade de candidatos que atraen estas probas", esgrimiu.
Escribe o teu comentario