Agárdase que a situación de "completa anarquía" nos hospitais dure uns días máis
CCOO asegura que o colapso afecta a todos os centros pola "falta de persoal, especialmente en urxencias", pero tamén en hospitalización e atención primaria.
Corredor de Urxencias do CHUS, a semana pasada. Foto: @PacientesC
Comisións Obreiras manifestou que a situación na rede de hospitais galegos do Servizo Galego de Saúde nos últimos días é "de completa anarquía", con "problemas" en todos os centros, e augurou que estes se van prolongar polo menos "uns cantos días" máis.
En declaracións a Europa Press, o secretario xeral de CCOO Sanidade, Ángel Cameselle, remarcou que a situación nos hospitais galegos responde a "un problema crónico", vinculado á "falta de persoal en xeral, especialmente en urxencias" pero tamén en hospitalización e atención primaria.
A isto, dixo que se suma a carencia de camas suficientes, e en relación con iso, indicou que á primeira hora da mañá deste luns, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) había 30 persoas á espera de cama.
Neste marco, comentou que aínda que se abriron camas, "non é cousa de improvisar", xa que os responsables do Sergas "sabían perfectamente que chegaba a gripe, que ía haber un pico, e non reforzaron o persoal nin cubriron ao 100% as baixas".
SANIDADE
En referencia á situación da gripe nos hospitais galegos, a Consellería de Sanidade remitiuse ao último informe, feito público o pasado venres, e limitouse a apuntar que hai unha "tendencia crecente".
No último boletín informouse de que o número de persoas con gripe falecidas na rede de hospitais do Sergas no que vai de tempada, duplicouse na última semana do ano e ascende a 10.
Todos os falecidos tiñan indicada a vacúa antigripal, ben por idade ou ben por outros factores de risco, pero só tres estaban vacinados. Ademais, no documento recóllese que, a día 4 de xaneiro de 2018, permanecían ingresados nos hospitais galegos 224 pacientes con gripe confirmada.
Escribe o teu comentario