O primeiro día de rebaixas, "moi malo" para os comercios galegos

O vicepresidente da Federación Galega de Comercio di que non son rendibles e propón volver regular o calendario.


|

Rebaixas compras


O primeiro día das rebaixas de xaneiro de 2018 caeu un domingo de chuvia e frío. A afluencia de xente non foi moita nas grandes marcas nin nos pequenos comercios, o que deixa un comezo "moi malo" e de saldo "negativo" para as vendas de xaneiro.


"Aquí no centro está a ser moi malo: está a chover, vai frío e non hai xente", lamentou a dependenta dunha tenda de roupa deportiva de Santiago. E é que, a pesar de ser domingo, que era o que crían que lles ía axudar nas vendas, o saldo deste 7 de xaneiro foi "de momento, negativo".


Con todo, os anteriores domingos que as tendas permaneceron abertas con motivo das compras do Nadal, as vendas foron "ben, como se esperaban".


Ademais, o dependente dun comercio local concordou en que está a ser un comezo de rebaixas "malo" e "sen xente", porque, na súa opinión, "vai frío e a xente xa está farta de gastar durante o Nadal".


"Puxemos os artigos a desconto xa pensando que era domingo e que a xente se animaría a saír, pero non foi así", asegurou, á vez que valorou que a Nadal foi "mellor, sobre todo nos domingos".


Con todo, máis optimista é o relato da encargada dunha tenda de cosméticos do centro santiagués, Beatriz Sánchez, debido a que, no seu establecemento. "Parece que a xente se animou aínda que o tempo non acompañe", considerou. E é que, para a súa tenda, que "hai anos que abre en domingo por estas datas", "non eran días de moito traballo" salvo o deste ano.


"BOA OCASIÓN" TRAS O GASTO DO NADAL


Pola súa banda, os compradores que si se animaron "agradecen" os descontos despois dos "grandes gastos" do Nadal, "a pesar do mal tempo".


Para os mozos, pola súa banda, esta é unha "boa ocasión" para investir o diñeiro que os seus familiares lles regalaron por estas datas. "Tamén é boa idea para cambiar aquilo que che regalaron", apuntou unha clienta dunha tenda de roupa.


RECUPERAR O SISTEMA TRADICIONAL


Pola súa banda, nunha entrevista en Radio Nacional, o vicepresidente da Federación Galega de Comercio, José Luís Pérez, apostou por recuperar o tradicional calendario de rebaixas, desregularizado desde o ano 2012.


Así, indicou que o auxe do comercio electrónico provoca que as grandes superficies "se vexan obrigadas a facer períodos de rebaixa todo o tempo", o que fai que se ofrezan descontos nos produtos ao longo de "todo o ano".


"Para o pequeno comerciante e o comerciante en xeral non é rendible. Se teño que estar todo o día rebaixando o produto para que me compre a xente, unha de dúas, ou vendo o dobre, cousa que non vai pasar, ou a marxe de beneficio vai descender", manifestou José Luís Pérez.


Deste xeito, ve con bos ollos a proposta da Federación Española de Comercio de volver regular os períodos de rebaixas que, ao seu xuízo, deberían ter tempos "moi concretos, como era nun principio".


Así, lembrou que as rebaixas se crearon para "dar saída aos stocks", á vez que teorizou con que a volta ao sistema tradicional tamén combatería as "falsas rebaixas", xa que anteriormente o consumidor "tiña control do que custaba" o produto ao longo de todo o ano e podía distinguir se se trataba dun desconto ou non.


En canto aos datos ofrecidos por un estudo que cifraba en 9.605 os contratos que xerará a campaña de rebaixas en Galicia, José Luís Pérez apuntou que eses postos de traballo non corresponden exclusivamente aos comercios, senón que estes representan "unha parte moi pequena".


Deste xeito, indicou a maior parte deses postos de traballo gardan relación co comercio online, que ofrece contratos "temporais" de "repoñedores, almacenistas ou tranportistas" que, unha vez cae a demanda, "destrúense".


relacionada Os galegos, os terceiros de España que máis gastan en roupa en rebaixas
relacionada ​A campaña de rebaixas espera xerar a mellor cifra de emprego da historia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE