O Exército reivindica o seu labor civil na loita contra incendios
No discurso da Pascua Militar na Coruña, subliña tamén o traballo da Garda Civil no caso de Diana Quer.
Acto da Pascua Militar, na Coruña. Foto: Forza Loxística Operativa
O xefe da Forza Loxística Operativa, o xeneral Francisco Javier Sánchez Fernández, lamentou "o secuestro e tráxico crime" da moza madrileña Diana Quer, á vez que reivindicou o traballo levado a cabo pola Garda Civil neste caso.
Fíxoo durante o acto da Pascua Militar, celebrado no Palacio de Capitanía, e no que tamén valorou o "extraordinario esforzo" de Exército e Garda Civil na loita contra os incendios forestais rexistrados en Galicia o pasado ano.
Ante autoridades civís e militares --entre elas o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; os conselleiros de Xustiza e Medio Ambiente, Alfonso Rueda e Beatriz Mato, respectivamente, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro-- apelou tamén ao papel da sociedade para manter "unha contorna de seguridade e defensa" en España.
"Que garanta os seus valores", dixo precisando que este labor non só lle corresponde ao Exército. "É imprescindible o apoio de toda a sociedade", insistiu a este respecto e despois de que no Palacio de Capitanía se impuxesen condecoracións a 29 efectivos das Forzas Armadas e Garda Civil.
BALANCE DE 2017
Na súa intervención, fixo, ademais, balance do labor levado a cabo pola Forza Loxística Operativa (un órgano do Exército de Terra de apoio nas distintas operacións) durante 2017, non só no ámbito militar, con operacións a nivel internacional, senón tamén no ámbito civil.
En particular, destacou a colaboración na loita contra os incendios que fixo extensiva tamén á Garda Civil. Así, destacou o apoio aéreo, con catro avións, pero tamén terrestre, incluíndo as actuacións vinculadas ao convenio subscrito coa Xunta.
Sobre este labor, subliñou as 21 operacións na loita contra os incendios forestais nas que colaboraron dun total de 25. "En só sete días", dixo sobre os incendios rexistrados en Galicia en outubro. "Máis de 900 efectivos e máis de 200 vehículos", citou como dato. A iso, sumou "os 96 supostos incendiarios" identificados pola Garda Civil.
Por outra, ante un "mundo complexo e globalizado", insistiu na necesidade de que as Forzas Armadas e a Benemérita se adapten "permanentemente" para ser unha organización "dinámica e moderna".
Escribe o teu comentario