Viaqua mellora as medidas de conciliación dos seus traballadores
A última reunión do seu Comité de Igualdade aproba novas posibilidades para familias con fillos ou con persoas dependentes ao seu cargo.
A empresa concesionaria da xestión da auga en case 50 concellos galegos, Viaqua, aprobou novas medidas para mellorar a conciliación da vida persoal, familiar e profesional dos seus traballadores e traballadoras.
Tal e como informa a compañía nun comunicado, na última reunión do seu Comité de Igualdade avanzaron en novas posibilidades sobre todo para familias con fillos ou con persoas dependentes ao seu cargo.
Entre as melloras, que entraron en vigor o día un de xaneiro, atópanse "a posibilidade de acumular as horas de lactación a elección da persoa traballadora, gozando de 15 días laborais inmediatamente posteriores ao permiso por maternidade ou paternidade". No caso das mulleres embarazadas, terán o dereito a "adaptar a duración e distribución da súa xornada de traballo desde a semana 30 ata o final do embarazo".
Os traballadores tamén contan desde este ano con permisos retribuídos para ir ao médico ou acompañar os seus fillos menores ou a familiares dependentes.
Outras medidas pasan por "permisos para asistir a titorías de fillos en idade escolar; ou permisos puntuais e xustificados de ausencia de media hora do posto de traballo con carácter recuperable, ou de ausencia dun a trinta días con carácter non retribuído".
En canto á xornada laboral, Viaqua permite flexibilizar nunha hora o inicio e outra na pausa para comer no caso do persoal a xornada partida das áreas funcionais, técnicas e administrativas.
Ademais, amplía en catro anos a posibilidade de "redución de xornada por garda legal ata os 16 anos", sendo ilimitado en caso de descendente discapacitado. Esta medida, como informa a empresa, será aplicable tamén a quen teña ao seu cargo un familiar ata segundo grao de afinidade que non poida valerse en por si.
Escribe o teu comentario