Os investigadores sabían desde novembro que 'o Chicle' matara a Diana Quer

O coronel xefe da UCO sinala que desde hai un mes non tiñan "ningunha dúbida", aínda que xa era o principal sospeitoso hai un ano.


|

Diana quer cuerpo

O autor confeso do crime leva desde o luns en Teixeiro.


José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'O Chicle', converteuse en novembro de 2016 no "principal sospeitoso" da morta de Diana Quer, segundo informou o coronel xefe da Unidade Operativa ( UCO), Manuel Sánchez Corbi.


En rolda de prensa, para informar do operativo, explicou que un dos feitos que o situou nesta circunstancia foi a coincidencia do traxecto que fai o seu móbil "co que fai o de Diana" esa madrugada e nun tramo "das 2,52 ás 2,58 horas".


"Tratabamos cun profesional da delincuencia", explicou o coronel xefe da UCO ante os meses que pasaron ata a súa detención. Con todo, dixo que en novembro deste ano non tiñan "ningunha dúbida" de que Abuín Gey era o autor e que quedaba por aclarar se participaran máis persoas, algo que con posterioridade descartaron.


DESCUBRIU O SEGUIMENTO


A partir da coincidencia do móbil, empezouse un seguimento que o detido detectou. Nese momento, púxose en contacto cun axente da Garda Civil ao que lle preguntou por que o seguían.


Nese "encontro informal", dixo que se atopaba coa súa muller nas festas da Pobra, aínda que con posterioridade, tras ser citado o 30 de novembro a declarar como testemuña, dixo que ambos foran a roubar gasolina.


O ATROPELO É IMPOSIBLE


O coronel xefe da Comandancia da Coruña, Francisco Javier Jambrina, pola súa banda, cualificou de "imposible" que Diana Quer falecese nun atropelo como, segundo explicou, en rolda de prensa, sostivo José Enrique Abuín Gey, 'o Chicle', na súa declaración ante os investigadores.


Nunha comparecencia informativa, explicou que tamén lles dixo que deixara o corpo nun escampado, "nun polígono", para logo trasladalo ao porto de Taragoña, en Rianxo.


"É imposible porque se atoparía o corpo", indicou explicando que sairía á superficie ao non ser unha zona de correntes. Con todo, o día da detención do presunto autor da morte de Diana Quer, foron ata o lugar cun can para rastrexar a zona, aínda que esa posibilidade quedou descartada.


POSIBLE ESTRANGULAMENTO


Preguntados polas hipóteses que apuntan a que Diana Quer puido ser estrangulada, o coronel Jambrina explicou que no depósito de auga da nave abandonada se localizou unha "brida plástica".


Sobre a mesma, dixo que puido ser para "atarlle as mans" a Diana ou "para estrangulala". "Pero iso terá que dicilo a autopsia", engadiu.


En canto ás informacións difundidas a este respecto e que apuntan a que o detido recoñecería que estrangulou a Diana Quer, os dous coroneis remitíronse exclusivamente ao contido recolleito nas dilixencias da Garda Civil.


Así, sobre unha posible agresión sexual, o coronel da UCO indicou que "'o Chicle' non o manifesta" e, na mesma liña, manifestáronse ambos os responsables da Garda Civil sobre o posible estrangulamento.


"Aínda que nalgunha conversación informal o detido comentase algo, non o imos dicir nin o imos confirmar", expuxeron en alusión a informacións difundidas a este respecto.


CONDENA "EXEMPLAR"


Juan Carlos Quer, pai de Diana Quer, pediu unha condena "exemplar" para o asasino confeso da súa filla e reclamou que se respecte a intimidade da familia tras a publicación dunha fotografía do cadáver da moza madrileña cuberto por unha saba branca.


A través dun comunicado remitido aos medios de comunicación, o pai de Diana Quer explicou a "dor" polo tráxico falecemento da súa filla, tras máis de 16 meses de "angustia e incerteza" sobre o seu paradoiro.


A isto súmase agora o "longo" procedemento xudicial para determinar a responsabilidade penal de 'o Chicle', que confesaría a autoría do crime de Diana o pasado sábado. "Pido a Deus que o procedemento conclúa cunha condena que sexa exemplar", sinala Juan Carlos Quer.


O ADN CONFIRMA QUE SE TRATA DE DIANA


As análises de ADN practicadas ao cadáver recuperado en Rianxo ratificaron que se trata da moza madrileña Diana Quer, segundo confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.


Nunha rolda de prensa na Coruña xunto ao coronel xefe da Comandancia da Coruña e ao coronel xefe da Unidade Operativa ( UCO), o delegado do Goberno arrincou a comparecencia desvelando que, tras traballar "toda a noite", esta madrugada logrouse confirmar que os datos de ADN corresponden a Diana Quer.


O informe preliminar da autopsia practicada ao cadáver indica que o corpo non presenta signos evidentes de violencia, aínda que si "indicios claros de criminalidade". A causa da morte, polo momento, atópase "a estudo".


Os restos de Diana Quer foron trasladados este luns desde o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), con sede en Santiago de Compostela, ata o Centro de Antropoloxía Forense de Verín (Ourense), tal e como publicou o diario La Región. O xefe da Sección de Patoloxía Forense da Subdirección de Ourense, Fernando Serrulla, é o encargado de realizar a autopsia do corpo, que se prevé que finalice no prazo dunha semana.


"TODAS SOMOS DIANA"


Este caso de "terrorismo machista" levou a colectivos feministas a convocar concentracións este martes en cidades galegas. A Plataforma Feminista Galega de Vigo convocou ás 20,00 horas deste martes unha concentración ante o MARCO de Vigo e convidou a sumarse tamén en Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Ourense polo "feminicidio" da moza que desaparecera o 22 de agosto en 2016 na Pobra do Caramiñal.


"Porque todas somos Diana e queremos que se superen todas as posibilidades de caer nas violencias machistas a mans de maltratadores cara ás mulleres dunha forma aberrante e intolerablemente normalizada na nosa sociedade. Desnormalicemos todas as violencias machistas", proclama a convocatoria das concentracións.


ENRIQUE ABUÍN NEGOUSE A DECLARAR


Segundo o avogado de Enrique Abuín, Ramón Sierra, á saída dos xulgados de Ribeira nos que este luns compareceu o detido, este nega tanto cometer un delito de índole sexual como que matase intencionadamente a Diana Quer.


Tras seis horas dentro do edificio xudicial, nas que o detido rexeitou declarar ante a maxistrada do número 3, un furgón da Garda Civil trasladouno á prisión de Teixeiro, onde ingresou de forma provisional, incomunicado e sen fianza.


Ás portas do xulgado, o seu letrado dixo que 'o Chicle' "en ningún momento se recoñeceu autor de ningún delito doloso, nin asasinato nin homicidio". Con todo, no seu auto, a xuíza atribúelle un delito de homicidio doloso polo caso de Diana Quer, así como de detención ilegal.


Do mesmo xeito, Ramón Sierra asegurou que "xamais" se recoñeceu autor de ningún delito de tipo sexual e que "non hai ningún indicio racional" na causa de que houbese "un delito contra a liberdade sexual", algo que cualificou de "radicalmente falso".


"Consideramos que fixo unha declaración extensa no seu momento --ante a Garda Civil-- e que non hai nada que engadir nin matizar ás declaracións que realizou", dixo Ramón Sierra, para quen o detido "deu plena validez ao que xa declarou no seu momento".


relacionada Localizan o cadáver de Diana Quer nunha fábrica abandonada de Rianxo
relacionada ‘O chicle’, principal sospeitoso do 'Caso Diana Quer', estivo na Pobra a noite da súa desaparición
relacionada Detido o principal sospeitoso da desaparición de Diana Quer

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE