Os afectados polos incendios poden pedir un adianto das axudas para vivendas
A Xunta adianta ata o 25% do diñeiro para custear a reparación dos danos.
Os beneficiarios das axudas destinadas a sufragar os danos nas vivendas causados polos incendios que se produciron en Galicia o pasado mes de outubro, poderán solicitar os pagos anticipados de "ata un 25 por cento do importe total da subvención" concedida.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde na que se fixa a posibilidade de solicitar o pago adiantado.
Segundo explica a Xunta nun comunicado, o paso dáse tras constatar que, entre os damnificados, "existen persoas que non poden iniciar as obras de reparación das súas vivendas" porque carecen de "recursos para facer as primeiras actuacións".
O Goberno galego tamén incidiu en "a dificultade para acceder ás liñas de préstamos para o financiamento" das reparacións, xa que a orde que regula as axudas establece que estas "se pagarán unha vez realizadas as obras".
A Xunta explicou que os interesados poden presentar a súa solicitude no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), no modelo que acompaña á orde publicada no DOG.
Escribe o teu comentario