Desarticulan unha banda que introducía en Galicia grandes cantidades de droga
O operativo leva en marcha dez meses. Os investigadores destacan as "fortes medidas de seguridade" da organización.
O Equipo Contra o Crime Organizado de Galicia (ECO GALICIA), xunto cos Equipos de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) das Unidades Orgánicas de Policía Xudicial das Comandancias da Coruña e Pontevedra desarticularon unha organización criminal que se dedicaba á introdución de estupefacientes en Galicia, a súa posterior elaboración, distribución e venda.
A organización era liderada por un albanés de 39 anos, quen, á súa vez, tiña a outras cinco persoas que traballaban para el directamente e que se encargaban de buscar compradores de droga, distribuíla, dotar de apoio loxístico ou mesmo achegar seguridade para a realización das actividades ilícitas.
Estas persoas, á súa vez, tiñan a outras ao seu cargo, que lle compraban a droga directamente ou que mesmo lles facían de lanzadeira, chegando a realizar viaxes ao estranxeiro para traer mercadoría.
Desde o inicio do operativo, que comezou a principios de febreiro, xa se enviou a dous dos integrantes a prisión, sendo o primeiro unha muller que comprara un quilo de cocaína en marzo e, en segundo lugar, un home interceptado xunto a un quilo de heroína en Asturias no pasado mes de setembro.
A investigación policial viuse dificultada en todo momento polas "fortes medidas de seguridade" polas que destacaba a organización, que contaba con individuos que "posuían unha ampla experiencia criminal no tráfico de substancias estupefacientes", di a Policía.
VIDA NORMAL
Un aspecto que os axentes destacan dos detidos é que se atopaban perfectamente integrados na sociedade e levaban unha vida completamente normal. Un dos cerebros da trama, que se atopaba ás ordes directas do líder albanés, era un veterano arousán coñecido polas forzas policiais e a quen lle constaba numerosos antecedentes relacionados co tráfico de estupefacientes.
No que leva a operación aberta realizáronse 5 rexistros domiciliarios. Doutra banda, a Garda Civil incautouse de 4 quilos de cocaína, 1,7 quilos de heroína, 500 gramos de substancia de corte e diverso material para a elaboración e distribución das substancias. Tamén se interviñeron 2 vehículos de alta gama.
Escribe o teu comentario