A oposición esixe estender a hemodinámica en Lugo ás 24 horas
Actualmente, este servizo só funciona pola mañá, de 8 a 15 horas
A política galega ha posto a súa atención, de novo, na situación do servizo de hemodinámica en Lugo. Neste sentido, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu que se estenda ás 24 horas do día este servizo no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), xa que actualmente só funciona pola mañá, de 8 a 15 horas.
O portavoz de En Marea, Luís Villares, alertou de que este servizo pode acabar sendo un caso como o da subministración do tratamento para a Hepatite C, que foi levado aos xulgados e polo que permanecen investigados altos cargos do Sergas.
Así, as tres forzas políticas da oposición do Parlamento de Galicia demandaron xa que o servizo funcione as 24 horas, mentres que o PPdeG apelou a que acuda ao rexistro de infartos para estudar esta posibilidade.
Villares ten claro que a ausencia dun servizo 24 horas obedece a "unha decisión arbitraria e de carácter económico". "Non esquezamos que o PP ten a dous altos cargos de sanidade xa imputados por homicidio imprudente, por deixar morrer a oito persoas por non dispensarlles os medicamentos da hepatite C, non por razóns médicas senón por razóns económicas", advertiu.
De feito, o portavoz de En Marea cre que esta situación responde á estratexia do Partido Popular dun "trato discriminatorio" á provincia e responsabilizou diso ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, á presidenta do PP lucense, Elena Candia, ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Recortes que derivan nun "horario de oficina"
“Feijóo xoga coa vida da xente” aseguraba Luís Villares, que ve neste “horario de oficina” un aumento nos tempos máximos de resposta recomendados en caso de infarto.
Pola súa banda, Gonzalo Caballero acusou á Xunta de ser “unha recortadora da sanidade pública” en cuestións como hemodinámica ou a supresión de áreas sanitarias. “Os recortes están a gañar ás posibilidades de dereitos e ás posibilidades de ter unha sanidade pública próxima á cidadanía”, sentenciou o líder do PSdeG.
Escribe o teu comentario