Unha praga dos piñeiros ameaza con provocar "problemas de saúde á poboación"
A Deputación de Pontevedra chama a actuar "con urxencia" especialmente nos parques públicos.
A procesionaria do piñeiro provoca urticaria e reaccións alérxicas.
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, advertiu da necesidade de actuar "con urxencia" contra a procesionaria do piñeiro e, especialmente, nos parques públicos, "co fin de evitar problemas de saúde para a poboación".
E é que estas eirugas teñen pelos urticantes que provocan reaccións alérxicas. Por iso, o perigo está en que as persoas as poidan tocar, ou mesmo os animais domésticos.
Os técnicos explican algunhas medidas que se deben adoptar, como eliminar e destruír os bolsones (niños) das eirugas, promover a presenza de aves insectívoras, colocar barreiras cónicas nos troncos para evitar que as eirugas cheguen ao chan, ou aplicar insecticidas para impedir que se enterren.
Os biólogos sinalan que as especiais condicións meteorolóxicas deste ano, cunha profunda seca e temperaturas anormalmente elevadas favorece o adianto nos ciclos dalgunhas pragas, como é o caso da procesionaria do piñeiro.
Escribe o teu comentario