Bruxelas expedienta a España por frear a entrada de produtos de homeopatía
A Comisión Europea dá dous meses para dar unha resposta.
A Comisión Europea anunciou este xoves a apertura dun expediente sancionador a España polas restricións que impón á entrada de produtos de homeopatía, mal chamados medicamentos, que son legalmente comercializados noutros países da Unión Europea, algo que a xuízo de Bruxelas vulnera as regras da libre circulación de mercadorías.
A situación actual fai "imposible na práctica" introducir no mercado español os produtos homeopáticos que son "comercializados legalmente" noutros Estados membros, explicou o Executivo comunitario nun comunicado.
Iso supón actuar "en contra da normativa da UE" en materia de libre circulación de mercadorías e da directiva sobre medicamentos para uso humano.
Por iso, Bruxelas remitiu ás autoridades españolas unha carta de emprazamento, primeira etapa dun procedemento de infracción e que dá un prazo inicial de dous meses a España para responder á situación.
Se a primeira resposta non satisfai a Bruxelas, os servizos comunitarios poderían pasar á seguinte fase, un ditame motivado que daría un ultimato de dous meses ao país para solucionar as diferenzas ou acudir, tras o cal, se persiste a infracción, a Comisión podería elevar o caso ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Escribe o teu comentario