​Abre as súas portas a décima edición do Culturgal, con Portugal como país invitado

A feira das industrias culturais, que acolle 130 actividades, espera o paso de máis de 15.000 persoas.


|

Culturgal amesaCaseta da Mesa. Foto: @culturgal

A décima edición do Culturgal, que ten a Portugal como país invitado e contará cun novo Espazo de Arte Contemporánea, abriu este venres as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra cun acto institucional no que participaron representantes das entidades organizadoras e colaboradoras.


O presidente desta feira das industrias culturais, Manuel Bragado, trasladou os seus "mellores desexos de éxito e ventura tanto para os 128 expositores como para todo o público que se achegue estes días ao Culturgal". En concreto, entre este venres e o domingo espérase o paso de máis de 15.000 persoas entre profesionais, particulares e familias, que gozarán das 130 actividades programadas.


"O Culturgal é un espazo de mediación de axentes culturais baseado nun modelo transversal e inclusivo, no que non queremos que haxa barreiras de ningún tipo", manifestou Bragado.


Na edición deste ano destaca a presenza de Portugal como país invitado e homenaxeado, un xesto que agradeceu na súa intervención, o Vicecónsul da República Portuguesa en Galicia, Manuel Correia da Silva, que resaltou a "importancia de que Portugal e Galicia formen unha comunidade lusófona na que ambas as culturas interactúen".


PROGRAMACIÓN "DE CALIDADE E DIVERSA"


Pola súa banda, o conselleiro da Cultura, Román Rodríguez, aplaudiu a programación "de calidade e diversa" que cada ano presenta a feira e detívose a sinalar a colaboración entre diferentes institucións de ámbito público e privado e o acerto que, ao seu xuízo, supón "incluír o público dentro desta feira profesional. "É o obxectivo de todo esforzo, chegar ao público final fortalecendo os hábitos de consumo cultural", sinalou.


Pola súa banda, o deputado de Cultura, Xosé Leal expresou a súa dobre alegría porque a feira convidase a Portugal, "cultura irmá" coa que Galicia comparte "moito máis que a lingua"; así como polo Espazo de Arte Contemporánea que inclúe o Culturgal, xestionado polo Museo de Pontevedra xa que "é unha oportunidade de mostrar un Museo vivo e que sempre foi contemporáneo" e que cumprirá proximamente os 90 anos.


Na súa quenda de palabra a concelleira de Cultura, Carme Fouces, deu a benvida á cidade a todos os participantes e recomendoulle ao público que teña "os ollos e as orellas abertas" porque "nestes tres días imos atopar grandes xoias".


relacionada A Deputación de Pontevedra dedica a programación cultural do 2018 á lingua galega

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE