Gas Natural Fenosa toma medidas contra 190 comerciais por malas prácticas
Lanza un teléfono gratuíto para que os clientes consulten as ofertas recibidas e así reforzar a confianza dos consumidores.
Gas Natural Fenosa inhabilitou este ano a un total de 190 vendedores por levar a cabo malas prácticas comerciais na venda presencial a clientes, o que supón o 4% dos seus comerciais acreditados, segundo anunciou a compañía.
Como resposta, a eléctrica puxo en marcha un teléfono gratuíto (900649243) onde os clientes poden consultar se o vendedor ten a acreditación en vigor e se as vantaxes das ofertas que ofrece se corresponden coa realidade.
Segundo o director xeral de negocios minoristas de Gas Natural Fenosa, Daniel López Jordá, o seu obxectivo é "contar con clientes satisfeitos que confíen na compañía" e que ningún contrate os seus servizos "enganado".
Este ano, a eléctrica detectou ata 470 casos de malas prácticas. Ante esta situación, a compañía abre un protocolo para inhabilitar ao vendedor indefinidamente e denuncialo ante os tribunais de xustiza.
Tamén no que vai de ano, Gas Natural Fenosa aboou 183.000 euros aos seus clientes despois de detectar situacións anómalas nos seus contratos tras malas prácticas na venda presencial por parte de empregados de empresas colaboradoras.
Escribe o teu comentario