A maxia chega a Galicia da varita de Jorge Blass
O mago madrileño actuará esta semana en Santiago de Compostela, Vigo e Pontevedra.
![JorgeBlassMago](/multimedia/images/1478976.jpg)
O mago Jorge Blass (Madrid, 2 de maio de 1980), considerado como un dos mellores meigos do mundo, chega a Galicia esta semana para presentar o seu espectáculo 'A maxia de Jorge Blass', que ofrecerá a súa primeira actuación este venres 1 de decembro, no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela ás 20:30 horas.
Mentres, o sábado 2 de decembro, ás 18:00 horas actuará no Teatro Afundación de Vigo e o domingo 3, á mesma hora, na Sede Afundación de Pontevedra. As entradas pódense adquirir na web Ataquilla.com.
Segundo palabras de Afundación, Jorge Blass "converteuse en un dos magos máis destacados da escena, recibindo cos seus espectáculos destacados galardóns internacionais", como a Varita Máxica de Ouro, entregada polo príncipe Rainiero de Mónaco, e o Premio Siegfried and Roy en Las Vegas, EE.UU. Mesmo David Copperfield, un dos mellores ilusionistas da historia, comprou os dereitos dun truco inventado por Jorge Blass para o seu show en Las Vegas. Sen dúbida unha oportunidade única para os amantes da maxia en Galicia. A falta de meigas, bo é un mago…pero ollo, que habelas hainas.
Escribe o teu comentario