Villares defende a súa "sintonía" cos alcaldes das mareas a pesar das "diferenzas"

"Galicia ten que ser tratada como nación que é", proclama, aínda que rexeita defender a independencia.


|

Villaresenmarea 3


O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que as diferenzas no seo do partido instrumental "non son significativas", á vez que defendeu a "sintonía" que mantén cos alcaldes das 'mareas'.


Villares foi entrevistado na Cadena Ser, onde incidiu en que no proxecto de En Marea "non sobra ninguén". "O que busque diferenzas ten que saber que o fundamental é rexenerar o país, e para iso fai falta moita xente", comentou.


O maxistrado fixo estas declaracións un día despois da súa ausencia nun acto das mareas municipalistas celebrado en Ourense o pasado sábado no que si estiveron os rexedores de Santiago, Martiño Noriega, e A Coruña, Xulio Ferreiro; que, á súa vez, faltaron no último plenario do partido instrumental no que as teses de Villares se impuxeron ás do sector crítico.


Cuestionado sobre a súa relación cos rexedores das 'mareas'; Villares asegurou que "non falta sintonía" con eles, xa que "todos" comparten "unha serie de valores" que son postos "en común" no "espazo" de En Marea.


"As nosas mareas municipalistas teñen moita máis autonomía que un partido político convencional, por iso é normal que teñamos nomes distintos. Todos queremos o mellor para a nosa cidadanía, hai un partido que está absolutamente corrompido nas administracións e compartimos a idea de botalos", indicou.


A INDEPENDENCIA DE GALICIA


Para Villares, o hipotético proceso de reforma da Constitución Española debe ser un "proceso constituínte" no que se recoñeza "o dereito a decidir" das nacións do Estado, entre elas Galicia, e a súa capacidade para "decidir a política social".


"Galicia ten que ser tratada como nación que é, ten que ser un reflexo claro de carácter nacional, e hai que permitir un especial competencial que nos permita facer política sociais para que a xente viva mellor", engadiu.


Con todo, Villares rexeita defender a independencia de Galicia: "Non, iso non está na axenda do noso país, nós aspiramos a que se nos recoñeza o dereito a tomar decisións para poder vivir mellor".


ORZAMENTOS DE "PROPAGANDA"


Así mesmo, a través dun comunicado emitido por En Marea, o partido instrumental cualificou de "propaganda" a proposta de orzamentos da Xunta para 2018 e puxo como exemplo a execución das contas do pasado exercicio, 2016.


Así, apunta que a xestión e execución de departamentos como Economía e Industria en "sectores clave" reflicten graos "escandalosamente" baixos.


E é que, segundo o partido instrumental, precisamente estas áreas, como innovación ou creación de emprego, son algúns dos "obxectivos" fixados polo Executivo de Feijóo para o próximo ano.


Así as cousas, acusan o PP de preferir "a política de anuncios espectaculares que desvíen a atención deste feito". "Con 200.000 desempregados en Galicia é moi grave deixar sen executar catro de cada dez euros destinados a combater o paro", conclúen.


relacionada As mareas locais poñen en marcha a maquinaria para as eleccións municipais
relacionada Noriega recoñece que o tentaron para ser candidato á Xunta e que Villares conseguiu consenso

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE