A Deputación arranxa os campos da cidade "en peor estado"
O ente provincial destina 500.000 euros ao arranxo de dous campos.
A Deputación provincial destinará uns 500.000 euros para emendar as deficiencias de dous campos de fútbol, o da Cheda e Frigsa, situados no municipio de Lugo.
Así o anunciaron o responsable do organismo provincial, Darío Campos, xunto coa alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, durante unha visita ás instalacións da Cheda.
Campos sinalaba que estes campos "son os que en peor estado están agora mesmo, xunto a algún máis que convén non descoidalo". "É un investimento importante para a cidade e para a provincia, sobre todo porqué en Lugo (cidade) hai máis de tres mil fichas de xogadores federados distribuídos en 41 clubs", debullou.
Este investimento, dixo, confirma "a importancia" que lle dá ao deporte a Deputación, cun investimento global nesta materia de case tres millóns de euros.
Fronte a iso, recriminou a "discriminación clara do goberno galego", tras subscribir un convenio coa Deputación de Ourense para o arranxo de instalacións deportivas que ascende a un millón de euros. "E a nós tennos no esquecemento", censurou.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aproveitou para "agradecer" o compromiso da deputación coa cidade. "Un compromiso que se manifesta nas distintas colaboracións que levamos ambas as administracións", remarcou. O convenio aprobado será tratado na próxima xunta de goberno local.
Escribe o teu comentario